miércoles, 4 de septiembre de 2013

Foi tan pracenteira a viaxe...

Foi tan pracenteira a viaxe
que o sangue flúe aínda quente
polas autoestradas dos meus membros
sen peaxe.
No entanto, visitei lugares inesquecibles
polos que xamais volverei transitar
porque non serei o mesmo eu.
Viaxei co lixeiro índice, a xogar
por entre os pregos do papel;
gozando da súa tersura,
aspirando o seu tépedo aroma a árbore.
E coñecinos a eles.
Estaban de feito agardando por min
en aeroportos, peiraos e estacións de tren.
Enredeime da man da riseira rapaza
que elixiu ser sabia para trunfar na vida:
eu tamén quedei pendurada da húmida cadea
no teito do almacén. 
Acompañei despois ao ancián centenario
e puxemos bombas por medio mundo,
roubamos equipaxes e carrexamos
corpos de macarras:
non se pode ser sempre sublime.
Esculquei tralos cristais do vello edificio
namentres toda unha muller arrolaba a un raparigo;
fóra da auga quente da bañeira nada importaba.
Aprendemos a ler entre reixas pechadas,
escoitando a pausada voz que xiraba no aparello.
Adentreime logo naquel tobo de feras noxentas
e fuxín da barbarie e da gadaña da morte
agarimando aqueles sabios velliños de papel.
Deixei que me enchoupase a chuvia de almas
e fixen tamén un álbum intanxible
imposible de furtar.
Ofrecinvos tamén un billete sen retorno
e chegastes sen présa á aldea de Muíños,
onde fostes presentados ao señor Afonso
e a outros amigos senlleiros.
Non volveredes desa viaxe
porque xamais seredes os mesmos.
Foi tan pracenteira a viaxe...

Ao Club de Lectura, por darme tanto.
Almudena Falcón.

No hay comentarios :