Páginas

martes, 27 de febreiro de 2024

Que personaxes históricos naceron no teu concello?

A Real Academia da Historia recompilou máis de 50 000 personaxes nun mapa interactivo que permite coñecer datos sobre o nacemento e o falecemento de personaxes ilustres, así como de acontecementos históricos.

Cada un dos nomes e dos feitos históricos que aparecen no mapa interactivo, denominado Historia Hispánica, están enlazados a unha páxina externa na que se pode consultar a biografía e o itinerario de vida de cada personaxe, ou ben a descrición do fito.

Non te quedes sen coñecer a historia que te rodea!



luns, 26 de febreiro de 2024

Cúmprense 75 anos do pasamento da primeira avogada italiana, Lidia Poët

Lidia Poët foi a primeira avogada de Italia. Graduouse en xuño de 1881 e, en 1883, inscribiuse no Colexio de Avogados. Non obstante, cando apenas comezara a desenvolver o seu labor, anularon a súa inscrición polo feito de ser muller. Pero isto non fixo que Lidia renunciara á súa profesión, senón que se uniu ao despacho de avogados do seu irmán e defendeu a nenos, mulleres e marxinados. Ademais, loitou pola igualdade de xénero e defendeu firmemente o dereito ao sufraxio feminino.

No 1919 permitiuse ás mulleres acceder a cargos públicos polo que, 36 anos despois de ter sido inhabilitada, Lidia Poët foi admitida de novo na Orde de Avogados e Fiscais de Turín e, aos 65 anos, cnverteuse oficialmente na primeira muller avogada de Italia.

domingo, 25 de febreiro de 2024

Planeta Rosalía

Co adaxo da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos a Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro promoveron unha iniciativa para traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos desta obra: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”.

Con estas traducións, calquera de nós pode ler, gozar e agasallar aos amigos e amigas de fóra, pero tamén queremos facer un chamamento a tradutores de todo o mundo para que “asúen” estes dous poemas a cadansúas linguas.
Fomos publicando cada novo idioma segundo nos foron chegando, ata o 15 de setembro, e logo do remate do 10 aniversario decidimos continuar co proxecto, pois seguen a chegar traducións desde moitas partes do planeta. Puidemos (e aínda podedes) descargar en carteis e pendurar por rúas, centros educativos e lugares de traballo todas estas traducións. En Vigo engalanamos todas as rúas do Casco Vello, onde se imprimiron os Cantares por vez primeira, o 17 de maio de 1863, e así viandantes e turistas puideron levar cadansúa tradución.
Premede na cabeceira para coñecer a iniciativa.

venres, 23 de febreiro de 2024

Día de Rosalía

 

No Día de Rosalía queremos cantala, así que premede na imaxe 
para escoitar os seus poemas en Son de poetas, ou se preferides, 
podedes escoitar a Amancio Prada cos poemas da nosa poeta nacional.

Viva Rosalía no seu día e todo o ano!

xoves, 22 de febreiro de 2024

Novidades...artísticas e de igualdade


Nos últimos anos estamos atopando estas marabillas que combinan historia, arte e mulleres, sí esas grandes esquecidas nos libros. Botádelle unha ollada pois son moi interesantes:

Tal día como hoxe... Andy Warhol e Antonio Machado

 Se temos que falar de poetas, pensamos en Antonio Machado e o seu Campos de Castilla e a voz que prestou Joan Manuel Serrat para cantalo. Hoxe nos lembramos do autor no 85º aniversario do seu pasamento en 1939.

E se temos que falar dun artista contemporáneo, non podemos deixar de pensar nas obras de Marilyn Monroe, ou a Lata de sopas Cambell e moitas outras de Andy Warhol no 37º aniversario do seu pasamento. As súas obras nos serviron de inspiración para que destacar aqueles autores dos que temos máis obras: Rosalía de Castro, Agustín Fernandez Paz, Manuel Rivas... para facer os carteis ao seu estilo; o estilo Warhol.


Buscádeos polos andeis:

mércores, 14 de febreiro de 2024

Palabras para reescribir o mundo: Wattpad e Webtoon

Nesta ocasión vos presentamos un ciclo de charlas organizadas por Planeta de Libros preparándonos para o Día Internaciónal da Muller, aínda que se trata da terceira cremos que vos poden interesar pois fala do fenómeno da escritura nas redes; sobre literatura xuvenil a partir do fenómeno de plataformas como Wattpad e Webtoon e a súa función como porta de entrada de personas novas ao mundo dos libros.

Sempre hai un motivo para escribir e ler.

Polo 14 de febreiro... Un pouco de mitoloxía

Se hai un símbolo asociado ao Día de San Valentín, ese é Cupido, un dos deuses do amor na mitoloxía romana. Pero, sabías que Cupido realmente é o deus dos amores non correspondidos?

Quen verdadeiramente representa o amor mutuo e duradeiro é o irmán de Cupido, Anteros, que tamén se representa como un xove con ás con arco e frechas, pero con ás de bolboreta. Este deus encargábase de vingar o amor non correspondido, castigando a aqueles que, por culpa do seu irmán, desprezaban o amor que lles profesaba outra persoa.

O Anteros máis famoso do mundo é o que se encontra na praza londinense de Picadilly Circus:



Se queres coñecer máis sobre a historia destes irmáns, pincha aquí!


luns, 12 de febreiro de 2024

12 de febreiro, Día de Darwin

O 12 de febreiro conmemórase o nacemento de Charles Darwin, que tivo lugar tal día coma hoxe en 1809. Cincuenta anos máis tarde, en 1859, este naturalista inglés publicou o seu mundialmente coñecido libro A orixe das especies, a través do que sentou as bases da teoría da evolución. As conclusións de Darwin estiveron baseadas nas observacións que realizou ao bordo do Beagle, no que fixo unha expedición científica por América e Oceanía que duraría cinco anos.




venres, 9 de febreiro de 2024

11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Desde a Biblioteca do IES Fernando Esquío queremos contribuír á visibilización do labor de diferentes mulleres ao longo da historia no ámbito científico, polo que vos deixamos unha pequena presentación sobre algunhas delas. Non vola perdades!


xoves, 8 de febreiro de 2024

Concurso edición 2024: E logo...tí de quen ves sendo?


No 2022 en plena restriccións quixemos animar o entroido con un concurso que agora repetimos.

No concurso tedes que;
  • investigar unha lista de personaxes, 
  • averiguar de quen se trata, sigue as pistas, 
  • atopa o gazapo da súa recensión biográfica, 
  • cubre o boletín e de paso adiviña quen está detrás da personaxe!
Collede o boletín e entrégao antes do 28 de febreiro..

PRÖRROGA ATA O VENRES 1 DE MARZO

martes, 6 de febreiro de 2024

E ti, coñeces a "As Sensombreiro"?

"As Sensombreiro" foron un grupo de mulleres pertencente á Xeración do 27 que recibiron este nome por sacarse o sombreiro como xesto de rebeldía ante unha sociedade que non recoñecía os seus méritos. A súa obra foi silenciada durante anos e foron incomprendidas pola sociedade do seu tempo, pero todas elas contribuíron dun modo ou outro, incluso desde o exilio, ao crecemento das súas respectivas disciplinas.

Unha desas mulleres foi María Zambrano, falecida tal día coma hoxe hai 33 anos, e cuxo nome está asociado á historia da filosofía e ao exilio republicano español do 1939. A súa obra é moi extensa e nela destaca o seu compromiso coa muller e a súa loita pola igualdade de xénero na sociedade española.



luns, 5 de febreiro de 2024

Sabías que o valor do número pi non sempre foi 3,14?

O 5 de febreiro de 1897, en Indiana, Estados Unidos, a Asemblea Xeral aprobou a lei número 246, na que se lle asignaba un novo valor exacto ao número pi, ilegalizando por completo o uso de calquera outro valor. 

Isto debeuse a que Edward Goodwin, médico e aficionado ás matemáticas, convenceu ao representante estatal de ter conseguido unha solución ao problema da cuadratura do círculo, un problema matemático que xa en 1882 Ferdinan von Lindemann probara que era imposible de resolver. Pero Goodwin non quixo darse por vencido e estableceu que si era posible cadrar o círculo. O problema estaba en que para realizar a súa demostración Goodwin tomaba o valor do número pi como 3,2 en lugar da súa aproximación a 3,14.

Se queres saber máis, podes seguir lendo aquí.