Páginas

venres, 15 de febreiro de 2008

Televisión con xeito (para ver sen morrer de pena...)


Boas a todos e todas. Hoxe a proposta que escollín ten unha dobre vertente: é, coma sempre, un produto televisivo para desfrutar como espectadores, pero é tamén un concurso no que podedes participar desde o centro de ensino para, se cadra, chegar a formar parte activa del . Porque 'Ruta Quetzal' é un proxecto educativo divulgado pola televisión que este ano volve a amosarnos, despois de 21 tempadas e sempre baixo a dirección de Miguel de la Quadra-Salcedo, unha nova expedición desde o sábado 19 de xaneiro. Son trece novos capítulos que corresponden á expedición chamada “A Pegada da Nao da Chinesa en México”, e a podedes ver todos os sábados ás 12:15 horas na 2 de TVE. Este ano hai unha sección na que os expedicionarios convértense en cronistas das súas experiencias, realizando reportaxes e entrevistas. México é o país protagonista, percorrido durante 21 días: a costa do Pacífico, Cidade de México, o Templo Maior de Tenochtitlan ou o Museo Nacional de Antropoloxía son algunhas das súas paradas. Despois, xa en España, os expedicionarios comezaron o seu percorrido por Castela-A Mancha, Castela e León, o País Vasco e Madrid.Cada programa dura media hora, e resulta unha marabilla polas rutas que propoñen e a aventura cultural de convivencia entre os rapaces e mozas de nacionalidades tan diversas. En total conviven 320 mozos de 16 e 17 anos chegados de 55 países de Europa e Iberoamérica.
Mira o vídeo que escollín e usa os enlaces coas páxinas web, verás o que te estás a perder...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos as vosas aportacións sempre que sexan respetuosas. Os amantes da cultura, da información e da lectura non poden ser doutro xeito.
Grazas