Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, fai pública a Resolución de 23 de abril de 2020 pola que se recoñece a Andrea Maceiras co Premio dos Clubs de Lectura 2020.
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego.
Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”. Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018) e María Reimóndez (2019).
Andrea Maceiras é unha das autoras más seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego.
A súa última novela, Conta nove estrelas, obtivo o Premio Lazarillo 2018. Na súa web podemos coñecer toda a súa traxectoria e todos os seus libros. Dous dos seus títulos, O que sei do silencio e Europa express están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2018/2019.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradecemos as vosas aportacións sempre que sexan respetuosas. Os amantes da cultura, da información e da lectura non poden ser doutro xeito.
Grazas