Páginas

martes, 2 de maio de 2023

Agochado no andel: Á sombra dos anacardios

Ten flores verdes, ás veces amarelas, e unhas froitas vermellas que se comen. Sempre lle pregunto cando me vou a curar, para non ir máis ao hospital. As follas abanean co vento... parecen dicir: Axiña..., axiña! 

Nunha nova mostra do seu compromiso cos temas sociais, OQO editora publica o terceiro título de Qontextos, colección na que repite Antón Fortes. O autor galego abriu con Fume esta serie que, desde unha perspectiva solidaria, pretende contribuír á educación en valores e invitar á colaboración para mellorar as condicións da poboación infantil máis desfavorecida.

Neste álbum abórdase o grave problema da sida en Guinea Bissau, que afecta unha alta porcentaxe da poboación infantil. Este país africano é un dos que rexistra maior subdesenvolvemento de todo o mundo. Por este motivo, enfermidades infecciosas ou de transmisión sexual quedan sen tratar, o que provoca que se agraven e cheguen a producir a morte. A mortalidade infantil, causada por esta desatención en saúde, é moi elevada no país: de cada mil nados vivos, 105 bebés morren antes de cumprir un ano.

OQO editora contou neste álbum coa colaboración da Asemblea de Cooperación pola Paz, que traballa neste país co Ministerio de Saúde e as comunidades locais en proxectos para a construción e dotación de infraestruturas sanitarias, a formación de persoal cualificado e a sensibilización social sobre a importancia da saúde. O autor cedeulle os dereitos do libro a esta ONG para a ONGD Creart.

En Á sombra dos anacardios hai lugar para a esperanza. En pleno entroido de Bissau, na vida da pequena protagonista fai acto de presenza a máscara da morte e con ela o medo. No entanto, esta terrible figura é contrarrestada cos coidados e alento do doutor Vieira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos as vosas aportacións sempre que sexan respetuosas. Os amantes da cultura, da información e da lectura non poden ser doutro xeito.
Grazas