Páginas

sábado, 19 de decembro de 2020

Premios Xerais 2020: María Marco, Antonio M Fraga e Andrea Maceiras


María Marco Covelo proclamouse hoxe gañadora do premio Xerais de novela coa obra Coidadora, mentres que Antonio Manuel Fraga fíxose co Jules Verne de literatura xuvenil con santoamaro e Andrea Maceiras gañou o Merlín de literatura infantil con A folla azul. As obras chegarán as librarías o vindeiro mes de abril.

María Marco Covelo (Vigo, 1979) gaña o Xerais coa súa primeira novela, unha obra na que aborda o tema das coidadoras. «Faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa profesión de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo», segundo o xurado, que tamén salientou focos temáticos vinculados á ciencia, o lirismo que agroma nas súas páxinas e un «rico tecido simbólico»

 Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) escribe en santoamaro sobre un grupo de amigos e amigas que veñen de rematar o bacharelato. No verán que segue, quedan os sábados pola noite na praia coruñesa da que o libro toma o título, aproveitando así o tempo que lles queda antes da previsible separación por mor dos estudos universitarios. O xurado destacou a súa linguaxe próxima, clara e concisa, cun estilo directo onde mandan os diálogos áxiles. Para o autor, que xa gañara o Merlín no 2013, é un libro importante polo que supuxo de exploración de territorios narrativos novos.

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) narra en A folla azul a historia de Husu Aké, unha nena que pertence ao pobo amazónico dos Tacaré. Husu Aké, «a nena dos ollos de luz» accede grazas á súa avoa, que ten un soño premonitorio, a un segredo para salvar o seu pobo da ameaza da enfermidade e da morte. O xurado declarou gañadora por unanimidade esta novela de «fondo compromiso social»: «Un berro contra a desigualdade, contra a destrución dos recursos naturais, e un canto a favor da cooperación e do compromiso individual polo ben común». A autora explica que escribiu A folla azul antes da pandemia, «e agora aínda ten máis vixencia», pola súa mensaxe de que construír un mundo diferente non é unha utopía, senón unha realidade necesaria.

 Ler a nota da editorial Xerais sobre Premios e Premiados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradecemos as vosas aportacións sempre que sexan respetuosas. Os amantes da cultura, da información e da lectura non poden ser doutro xeito.
Grazas