María Marco Covelo proclamouse hoxe gañadora do premio
Xerais de novela coa obra Coidadora, mentres que Antonio Manuel Fraga fíxose co Jules Verne de literatura xuvenil con santoamaro e Andrea Maceiras gañou o Merlín de literatura infantil con A folla
azul. As obras chegarán as librarías o vindeiro mes de abril.
María Marco Covelo (Vigo, 1979) gaña o
Xerais coa súa primeira novela, unha obra na que aborda o tema das
coidadoras. «Faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa
profesión de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o
desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este
traballo», segundo o xurado, que tamén salientou focos temáticos vinculados á
ciencia, o lirismo que agroma nas súas páxinas e un «rico tecido
simbólico».
Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) escribe
en santoamaro sobre un grupo de amigos e amigas que
veñen de rematar o bacharelato. No verán que segue, quedan os sábados pola
noite na praia coruñesa da que o libro toma o título, aproveitando así o tempo
que lles queda antes da previsible separación por mor dos estudos universitarios.
O xurado destacou a súa linguaxe próxima, clara e concisa, cun
estilo directo onde mandan os diálogos áxiles. Para o autor, que xa gañara o
Merlín no 2013, é un libro importante polo que supuxo de exploración de
territorios narrativos novos.
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) narra
en A folla azul a historia de Husu Aké, unha nena que
pertence ao pobo amazónico dos Tacaré. Husu Aké, «a nena dos ollos de luz»
accede grazas á súa avoa, que ten un soño premonitorio, a un segredo para
salvar o seu pobo da ameaza da enfermidade e da morte. O xurado declarou
gañadora por unanimidade esta novela de «fondo compromiso social»:
«Un berro contra a desigualdade, contra a destrución dos recursos naturais, e
un canto a favor da cooperación e do compromiso individual polo ben común». A
autora explica que escribiu A folla azul antes da pandemia, «e
agora aínda ten máis vixencia», pola súa mensaxe de que construír un mundo diferente
non é unha utopía, senón unha realidade necesaria.
Ler a nota da editorial Xerais sobre Premios e Premiados.