mércores, 4 de novembro de 2026

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Novembro é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Para celebralo, témosvos preparados unha serie de retos científicos. Seredes quen de resolvelos? Vide á biblioteca no primeiro recreo do xoves 12 e do xoves 19 de novembro e descubrirédelo. Agardámosvos!

martes, 3 de novembro de 2026

Premio Raíña Lupa 2026

O escritor eumés Antonio Manuel Fraga, quen visitou a nosa biblioteca o curso pasado, gaña o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2026 na categoría Xuvenil coa obra Canguros de Marcoy. O xurado destacou a capacidade desta obra para achegar aos lectores “unha realidade pouco coñecida a través dunha viaxe de autocoñecemento entre amigos en Costa do Marfil”, subliñando ademais “a presenza dá música como fío condutor entre ou pasado, ou presente e ou futuro dous seus personaxes”.

Moitos parabéns!

luns, 2 de novembro de 2026

I Concurso de viñetas contra a violencia de xénero

Desde a Biblioteca lanzamos o I Concurso de viñetas contra a violencia de xénero, co obxectivo de empregar a viñeta ou tira de viñetas para reflexionar, concienciar, visibilizar e denunciar diferentes situacións de violencia que viven as mulleres. Tedes as bases de participación aquí. Animádevos a participar! Erradicar a violencia de xénero é cousa de tod@s.

venres, 23 de outubro de 2026

Día das Bibliotecas 2026

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, este ano, baixo o lema Sen profesionais non hai bibliotecas, unha frase que quere poñer no centro ás persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, andeis e espazos, pois garanten o acceso á cultura, acompañan as súas comunidades e fan das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todos.

Como xa é tradición na nosa Biblioteca Escolar, para conmemorar este día destacamos a figura dun autor ou autora de recoñecido prestixio, para así dárllelo/a a coñecer aos máis novos. Este curso, a autora elixida foi Agatha Christie, pola importancia da súa obra e porque neste 2026 cumpríronse 50 anos do seu pasamento. Estes días, no corredor da planta baixa do noso instituto podemos desfrutar da exposición sobre a escritora, que comprende decoración, cartelería coa súa vida e obra, caligramas e xogos realizados por alumnado e profesorado, así como un póster construído a través das portadas das súas obras. Esperamos que vos guste e que aprendades moitas cousas sobre esta célebre autora! Deixámosvos por aquí as imaxes da exposición.

Julian Barnes, Premio Princesa de Asturias de las Letras

O novelista británico Julian Barnes gaña o Premio Princesa de Asturias das Letras 2026. Educado en Londres e en Oxford, considérase unha das maiores revelacións da narrativa inglesa das ultimas décadas. É autor de numerosas novelas moi aclamadas pola crítica internacional, ademais de relatos breves e ensaios.

xoves, 22 de outubro de 2026

Luis Zueco, Premio Ivanhoe 2026

O Certame Internacional de Novela Histórica Ciudad de Úbeda concedeu o Premio Ivanhoe 2026 ao escritor Luis Zueco, en recoñecemento a unha traxectoria literaria que o consolidou como un dos nomes salientables da novela histórica española.

luns, 19 de outubro de 2026

Día das Escritoras 2026


Cando pensamos na Xeración do 27, a todos nos veñen á mente nomes indiscutibles da nosa literatura: Federico García Lorca, Rafael Alberti, Luis Cernuda ou Pedro Salinas. A razón é que, durante décadas, os libros de texto gardaron un silencio inxusto sobre a outra metade desa explosión cultural. 

Nos mesmos cafés de Madrid, nas mesmas aulas da Residencia de Estudantes e co mesmo talento desbordante, un grupo de mulleres excepcionais, coñecidas como As Sensombreiro, transformou o panorama artístico da España dos anos 20 e 30. Poetas, novelistas, dramaturgas e pensadoras que, non obstante, foron borradas da historia oficial.

Hoxe, no Día das Escritoras, a piques de cumprirse o centenario da Xeración do 27, queremos rescatar do esquecemento algunhas desas figuras clave: Ernestina de Champourcín, Concha Méndez, Josefina de la Torre, María Teresa León, Rosa Chacel, María Zambrano, Luisa Carnés, Carmen Conde, Margarita Ferreras, Lucía Sánchez Saornil e Zenobia Camprubí.

Se che interesa o tema, podes ver este documental sobre as mulleres artistas e intelectuais da Xeración do 27.

Ademais, neste día non quixemos deixar de conmemorar as escritoras galegas, polo que fixemos unha escolma de obras que tedes na nosa biblioteca e que podedes atopar no corredor central do instituto:



venres, 16 de outubro de 2026

María Solar, Premio da Cultura Galega das Letras

A xornalista e escritora María Solar obtivo o Premio da Cultura Galega na modalidade das Letras, un galardón que recoñece a excelencia creativa e a proxección cultural de Galicia.