E agora o texto das Zocas Faladoiras:
"No día de onte e no marco dos ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011 asistimos moi conmovidos a un agradable encontro co escritor Xosé Neira Vilas, o cal puxo un marabilloso e emotivo broche final a unhas xornadas xa de por si magníficas; falounos de libros e de bibliotecas, das súas experiencias persoais cos libros e coa lectura, narrounos episodios da súa vida, que nalgunhas ocasións nos trouxeron á memoria algunhas esceas da súa obra máis coñecida e da cal celebramos este ano o 50 ANIVERSARIO: Memorias dun neno labrego, comprobádeo senón:
Galicia: " Eu tiña que andar oito quilómetros ida e oito quilómetros de volta para ir á escola tres días á semana, e non por un camiño asfaltado, polo medio do monte, con pedras e cheo de lama"... " Os xoguetes faciámolos nós polo que non os rompiamos e ademais aprendiamos a usar as ferramentas" "Eu pedía libros a Barcelona para poder ler e escondíaos debaixo das tellas"... "Aos 16 anos traballaba nun aserradeiro"
Arxentina: "Quería estudar e estudei xornalismo"... "Lía moitos libros que logo lle daba a dúas escolas"... "Anisia e eu fundamos unha distribuidora do libro galego Follas Novas, co fin de difundir o libro galego en toda América, co 30% que lle gañabamos aos libros invertiámolo en libros galegos que ían ás bibliotecas"
Cuba: "En Cuba había daquela 6,4 libros por habitante" ... "Alí os mestres teñen moito prestixio social ... non hai suspensos, o suspenso é un problema de honor para o mestre e todos colaboran paa que non se suspenda"...
"Memorias" está considerado o primeiro libro da literatura infantil e xuvenil pero non foi escrito para nenos: Eu dixen hai que contar isto, o drama dos campesiños (os libros que daquela había sobre campesinos daban unha visión chocalleira dos mesmos), eu tiña trinta anos; Escribía nun caderno as historias de Balbino, igual que Balbino. Escribía nun café e o primeiro lector de "Memorias" foi o camareiro daquel café, o segundo foi Anisia e o terceiro Rafael Dieste. Hoxe en día está publicado a múltiples idiomas e hai tamén unha edición en Braille para cegos publicada pola ONCE de A Coruña. Eu sempre andei entre libros, diciase dun home "acariñaba os libros como un avaro acariñaba as moedas"... "Agora recibo homenaxes e discursos: Este tipo de discursos faise cando o autor está morto e eu pido disculpas porque estou vivo."
Nese momento o auditorio comezou a aplaudilo, levantuose e durante un longo rato permaneceu en pé aplaudindo en homenaxe ao autor, o cal humildemente devolvía os aplausos ao auditorio; toda unha lección de humanidade, as súas fermosas palabras e a súa actitude cun público que se desbordaba de admiración polo escritor... realmente foi o mellor regalo para rematar estas xornadas."
Para unha información máis técnica e ver unha presentación de fotos sobre as xornadas remitímosvos ao blog do IES de Fene "O Segrel do Penedo": O Segrel do Penedo. Encontros Plambe 2011
Ningún comentario :
Publicar un comentario