Hoxe, día 30 de xaneiro, data do
aniversario da morte de Mahatma
Gandhi (1869-1948), celébrase o "Día
escolar da non violencia e da Paz" (DENIP) e nesta data o proxecto
"Coñecernos para querernos" que estamos a levar a cabo cos rapaces e
rapazas dos campamentos de refuxiados sahararuis en Tinduf fainos sentir, se
cabe, máis preto de todos aqueles que como eles están a ser vítimas desas guerras
esquecidas, eses conflitos ignorados pola comunidade internacional.
Cando eliximos este título para o
noso proxecto, fixémolo convencidos do que ese "lema" significaba,
fixémolo con plena conciencia do noso obxectivo principal, coñecer a quen está
a loitar polos seus dereitos e, na medida das nosas posibilidades, loitar para
que eses dereitos algún día, non moi lonxano, sexan recoñecidos pola comunidade
internacional e ese exilio ao que levan sometidos 35 anos cese dunha vez e
consigan acadar ese acordo definitivo de paz que permita a libre determinación
do pobo saharaui.
Hoxe, día da Non Violencia e a
Paz, as bibliotecas escolares do Plambe-Ferrolterra implicados, a través do Bubisher, neste fermoso proxecto
"Coñecernos
para querernos" queremos berrar alto e forte "Basta Xa!"
Ningún comentario :
Publicar un comentario