martes, 18 de abril de 2017

Xornalismo na Escola



O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ desenvolverán a partir desta semana varios obradoiros de xornalismo en centros escolares da comarca de Ferrolterra dentro da segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’, unha iniciativa destinada a escolares de 3º e 4º da ESO dos institutos de ensino secundario de Galicia. O primeiro obradoiro da comarca tivo lugar hoxe día 18 no IES Fernando Esquío de Neda.
O IES Fernando Esquío de Neda acolleu o primeiro dos obradoiros que se imparte na comarca de Ferrolterra. Serán en total 37 alumnos que cursan 4º da ESO neste centro escolar os que participaron na actividade.
En toda Galicia está programada a celebración de 90 obradoiros, cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Álvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández e Víctor Sariego son os xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que se ocupan de impartir os talleres.
Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas axudarán a que a xuventude coñeza o funcionamento dos medios de comunicación e tratarán de estimular na mocidade o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag  #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

Ningún comentario :