xoves, 27 de maio de 2021

Eva Mejuto de visita...no IES Fernando Esquío

Hoxe estivo no centro aínda que de xeito dixital Eva Mejuto a quen coñecíamos do Salón do Libro de Pontevedra onde nos acolleu en anos anteriores. 

O motivo desta visita foi para falar cos rapaces de 2º ESO de “22 segundos”, a primeira novela xuvenil galega en tratar a temática  trans. Ademais está de norabóa porque recibirá o Premio dos Clubs de Lectura de Galicia 2021 a vindeira semana nas Xornadas de Clubs de Lectura.

No marco da súa obra a autora comenta o seguinte: “Durante moito tempo estiven a seguir  youtubers que contaban as súas historias, e todos empezaban igual: “Ola, chámome  Aidan,” “Ola, chámome Joseph”, “E conto a miña historia porque a min ninguén me axudou, non tiven apoio de ninguén e se cadra se o conto podo axudar a facilitarche a vida”. Paréceme algo moi xeneroso, contar a túa vida non por lucimento persoal, senón expoñerche porque pode axudar a outros”.

“Pero chegou un momento no que necesitaba algo máis, e entrei en contacto cun grupo de mozos  trans. A historia de Marcos chamoume moito a atención porque eu son de Sanxenxo e el é de Cangas” conta referíndose a Marcos  Ceive, cuxa experiencia foi a súa principal fonte de inspiración, e de quen tamén lle sorprendeu a súa forma de ver a vida. Ademais, Marcos e Eva manteñen agora unha forte amizade.

Eva explicounos que “22 segundos” é o tempo que tarda un vídeo que grava *Álex, un mozo  trans, en subirse a Youtube. No referido documento audiovisual, *Álex explica que se abre un blogue para compartir as súas experiencias, pero sobre todo o que está por vir, a viaxe cara a si mesmo. A historia, con todo, termina como empezou, con *Álex subindo o vídeo á rede, e por medio conta a vida de *Álex ata ese momento, e como chegou a descubrirse”.

O libro consta dun capítulo introdutorio e outros vinte e dous capítulos, un por segundo. Segundo conta a autora, isto non ten un significado especial, é un artificio para conseguir facer a novela áxil e amena para os mozos aos que non lles guste ler.

Toda unha sorte contar coa autora con nós facendo disfrutar aos rapaces coa súa espontaneidade, cercanía e compaña. Un pracer!!


Ningún comentario :