luns, 17 de decembro de 2007
Almudena Grandes en Ferrol
O 12 de novembro fixemos unha reseña da última novela de Almudena Grandes "El corazón helado" e o último xoves nas xornada do III Curso de Narrativa Torrente Ballester organizado pola Fundación Caixa de Galicia, a autora falounos da súa actividade creadora.
Almudena Grandes comentaba que os bos libros son aqueles que cambian a vida aos autores e que afectan tamén aos lectores, e esta novela era a que máis lle cambiou a ela, pois tras seis anos de preparación, por primeira vez escribía unha historia que non era súa realmente senón patrimonio colectivo de todos os españois.
Esta novela escribiuna "non porque quixera senón porque puidera", tras investigar en todo o que se oculta tras esa memoria difusa que non queremos ou tememos recordar, escribira unha novela de seres reais, non de líderes nin heroes nin malvados, de xente corrente.
Trátase dunha novela de equilibrios: é unha novela política pero non podía ser panfletaria; é unha novela sentimental pero tiña que ser "seca", non lacrimóxena; é unha novela sobre o pasado pero sobre a súa influencia no presente...
A autora tiña un nivel de compromiso maior que no resto das outras novelas porque trátase dun tema moi sensible e delicado: é unha novela da memoria, da reconstrución sentimental do pasado no presente.
Noraboa Almudena pola túa obra e as túas verbas!
Subscribirse a:
Publicar comentarios
(
Atom
)
Ningún comentario :
Publicar un comentario