Durante a 1º quincena do mes de abril no IES Fernando Esquío
contaremos coa exposición “Emigración de mulleres valentes” grazas á cesión do
Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o seu Instituto da Muller para a Igualdade
de Oportunidades.
Nestes tempos de tránsito de tantas persoas debido aos
conflitos bélicos, persecución por ideoloxía, relixión, raza ou cuestións
económicas queremos reflexionar sobre a tolerancia e solidariedade entre o noso
alumnado e o resto da comunidade educativa.
Esta exposición, desexa poñer de manifesto o protagonismo
das mulleres nas migracións, tratando de reforzar lazos de solidariedade nun
momento de profundo cambio nos procesos migratorios.
A exposición "Emigración de mulleres valentes"
expón un documentado percorrido dos fenómenos migratorios femininos desde unha
perspectiva de xénero, desde finais do século XIX ata os nosos días.
Proporciónanos as claves para comprender a relevancia social, política e
económica dun proceso que afectou de forma especial a un considerable número de
mulleres españolas.
A pesar dos innegables avances legais e sociais que
recoñecen a contribución das mulleres emigrantes españolas e a súa condición de
cidadás, persisten problemas tradicionais que dificultan a plena igualdade. Así
mesmo, xeráronse novos problemas e retos relacionados, sobre todo, coa
inmigración estranxeira.
A exposición permanecerá aberta ao público en xeral, non só
á comunidade educativa, en horario escolar
de luns a venres de 8:30 a 14:10 e as tardes dos martes e xoves en
horario de 16:20 a 18:30.
Ningún comentario :
Publicar un comentario