Por segundo ano consecutivo temos un Premio Nacional de Narrativa en galego. Tralo premio otorgado a Xesús Fraga con Virtudes (e misterios), nesta convocatoria a premiada é Marilar Aleixandre por 'As Malas Mulleres', obra que o xurado recoñece como “unha singular novela histórica sobre a situación carcelaria das mulleres no século XIX cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe”. “Nunca te esperas estas cousas”, recoñece a escritora tralo fallo.
“Está a facerse literatura de moita calidade en Galicia e está ben que os Premios Nacionais recoñezan obras escritas nas distintas linguas cooficiais. Hai xente á que non lle gusta moito pero a realidade é que é a lingua de Galicia”, sostén Aleixandre citando como exemplo a Ismael Ramos, vencedor do mesmo galardón este ano na categoría de Poesía Nova.
O xurado aplaudiu a forma en que “recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e a cultura oral”. Nesta liña, a autora recoñece que en efecto “a novela ten unha parte da historia das mulleres marxinadas e esquecidas que estiveron na desmemoria”. O comité encomiou igualmente a maneira en que Aleixandre “pon o acento nas desigualdades e á vez ofrece unha mirada esperanzadora: a capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano, destacando a importancia da sororidade e do compromiso cos demais”.
Para saber máis da poeta, narradora e académica....
Ningún comentario :
Publicar un comentario