O Consello da Xunta aprobou hoxe o cambio de denominación dos Premios de Excelencia Académica ao alumnado de grao das universidades do Sistema Universitario de Galicia, co fin de que estes galardóns rendan homenaxe á mestra ferrolá Ángela Ruiz Robles.
Nacida no ano
1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol logo
de gañar por oposición unha praza de mestra nacional, onde se estableceu para o
resto da súa vida. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas
no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a
Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a
concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir
clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.
Foi unha pioneira
no eido do ensino e, en especial, na invención dunha enciclopedia mecánica,
cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro
electrónico. O primeiro prototipo, construído en 1962, deu como resultado un
artefacto que permitía, entre outras funcións, formar palabras, oracións e
textos a partir da interacción de teclas e dispositivos distribuídos nunha
especie de caixa. Ademais de leccións de gramática, cálculo, inglés e francés,
era posible a lectura en horizontal e vertical e a inclusión de máis temas.
Ademais deste
carácter innovador, na súa traxectoria docente, Ángela Ruiz Robles
caracterizouse por unha vocación de servicio desinteresado e comprometida cos
seus alumnos e a súa comunidade. Deu moita importancia ao ensino de idiomas, a
aprendizaxe intuitivo, o uso de ilustracións e outros recursos docentes
novidosos para o seu tempo. Ademais do seu labor como docente e como inventora,
escribiu 16 libros dedicados á educación e a pedagoxía centrados no obxectivo
de facer o ensino máis áxil e interactivo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario