lunes, 13 de noviembre de 2017

Novidades: Luns


Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día."Luns", gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.

Eiquí vos deixamos unha entrevista coa autora quen á pregunta de Cal é o xerme de Luns? dixo:

O xerme de Luns é rabia. Hai realidades e situacións que nos acostumamos a lelas na prensa e pasan a ser habituais, normais. Desas que dicimos: unha máis...  E non pode ser, non está ben. Quería escribir un texto que provocase a reacción, as ganas de moverse. Unha novela visceral dirixida directamente ao hipotálamo.

No hay comentarios :