Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de outubro de 2026

Semana Mundial do Espazo 2026

En 1999, a a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou "Semana Mundial do Espazo" a semana comprendida entre o 4 e o 10 de outubro, para celebrar cada ano a escala internacional as contribucións da ciencia e a tecnoloxía espaciais á mellora da condición humana.

A razón de que se celebre nestas datas é que lembran dous momentos importantes: o 4 de outubro de 1957 foi lanzado o Sputnik 1, o primeiro satélite artificial da Terra, que abriu unha nova etapa na exploración espacial. Por outra banda, o 10 de outubro de 1967 entrou en vigor o Tratado sobre o Espazo Ultraterrestre, un acordo que establece principios para a exploración e utilización do espazo, incluída a Lúa e outros corpos celestes. Ambos os acontecementos marcan o inicio e o peche desta semana.

Se che interesa este tema, tes á túa disposición moitos libros relacionados con el na biblioteca e tamén entre os exemplares da Hora de ler.

luns, 5 de outubro de 2026

III Concurso de microrrelatos de Samaín

Un curso máis, a Biblioteca e o EDLG convocamos o concurso de microrrelatos de Samaín. Tedes as bases de participación neste enlace.

Agardamos con ansia os vosos arrepiantes relatos. Haberá premios para as mellores historias terroríficas!

venres, 25 de setembro de 2026

Hoxe recordamos a Carlos Ruiz Zafón


No aniversario do seu nacemento, queremos recordar a Carlos Ruiz Zafón, porque as súas historias seguen a ser unha das mellores portas de entrada ao pracer da lectura.
Nacido en Barcelona, Zafón comezou a súa andaina no mundo das letras coa literatura xuvenil. Con todo, o recoñecemento mundial chegoulle en 2001 coa súa primeira novela para adultos: A sombra do vento.
Hoxe, o noso querido autor tería cumprido 62 anos.

mércores, 16 de setembro de 2026

No 175 aniversario do seu nacemento, recordamos a Emilia Pardo Bazán

Tal día coma hoxe, hai 175 anos, nacía na Coruña Emilia Pardo Bazán. Foi unha prolífiica escritora, xornalista e ensaísta, que escribiu máis de 600 obras entre novelas, contos e estudos literarios. A súa obra máis representativa, Os pazos de Ulloa, é unha peza clave do naturalismo español, unha corrente literaria que pretendía retratar a vida dun xeito crudo e realista.

Ademais, Pardo Bazán foi unha incansable defensora da igualdade entre homes e mulleres: defendeu o acceso das mulleres á educación, abriu camiño en espazos reservados aos homes e enfrontouse á Real Academia Española por negarlle o ingresso polo feito de ser muller.

O seu legado perdura no tempo; non só na literatura, senón tamén no avance dos dereitos da muller.

xoves, 2 de abril de 2026

Día do Libro Infantil e Xuvenil: "Planta historias e o mundo florecerá"


Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil (DILI, ou ICBD nas súas siglas inglesas) co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano, unha sección nacional do IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional desta efeméride e selecciona un escritor representativo e a un recoñecido ilustrador do seu país para que elaboren a mensaxe e o cartel dirixido a todos os nenos do mundo, e promóvase a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librerías, etc.

En 2026, o país elixido é Chipre, e o cartel está feito por dous creadores de libros infantís. O tema deste ano é “Planta historias e o mundo florecerá” (Plant stories and the world will bloom), un fermoso lema que recoñece o valor das historias, os libros e a lectura, así como o seu potencial para mellorar o mundo, á vez que salienta a necesidade de adoptar opcións de vida máis respectuosas co medio ambiente.

Seguir lendo en Babar.

mércores, 11 de marzo de 2026

II Día de Ibáñez


Con motivo do II Día Ibáñez, Bruguera, selo de Penguin Random House Grupo Editorial que publica as súas obras desde hai máis de 60 anos, presentou este venres unha homenaxe que levará o universo creativo de Francisco Ibáñez a distintos puntos de Barcelona no ano en que o autor cumpriría 90 anos.

A cidade acollerá un roteiro de dioramas inspirados nas súas viñetas máis icónicas, protagonizados por personaxes como Mortadelo e Filemón, Rompetechos ou O botóns Sacarino. Estas pezas instalaranse en diferentes espazos vinculados á lectura, os cómics e ao propio autor, e recrean escenas "cheas de detalles e humor" características do estilo de Ibáñez.

A iniciativa busca reivindicar a vixencia de personaxes como Mortadelo e Filemón, 13, Rue do Percebe, O botóns Sacarino e Rompetechos, que seguen formando parte da memoria cultural colectiva.

seguir lendo

Se queredes saber máis de Mortadelo e Filemón, visitade a web non oficial.

luns, 23 de febreiro de 2026

Día de Rosalía

 

Cada 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía. Este curso, nós rendémoslle unha pequena homenaxe a través do concurso "O Rosco de Rosalía", un pasapalabra relacionado coa vida e obra da autora. Tedes ata o 18 de marzo para entregar as vosas respostas na biblioteca. Animádevos a participar!

martes, 16 de decembro de 2025

Cúmprense 250 anos do nacemento de Jane Austen



Hoxe cúmprense 250 anos do nacemento de Jane Austen, unha autora que escribiu sobre bailes, visitas e familias, pero que en realidade falou de liberdade, decisións, ironía e mulleres que se atreveron a pensar por si mesmas. 
Temos moitas das súas obras na nosa biblioteca. Anímate a lelas!

luns, 1 de decembro de 2025

1 de Decembro: Día Internacional do SIDA


O Día Mundial da Loita contra a SIDA converteuse nun dos días da saúde máis recoñecidos e supón unha oportunidade para lembrar aos que faleceron, crear conciencia e celebrar vitorias como o acceso a servizos de prevención e tratamentos antirretrovirais.
A primeira vez que se celebro o Día Mundial da Loita contra a SIDA foi en 1988 e desde esa data, o virus matou a máis de 25 millóns de persoas en todo o mundo, o que supón unha das epidemias máis destrutivas da Historia.

A conmemoración do Día Mundial da Sida de 2025 pon de relevo como os recortes no financiamento a nivel internacional están a poñer en risco os avances logrados na resposta ao VIH. A crise actual afecta especialmente os servizos de prevención e aos programas comunitarios que apoian ás poboacións máis marxinadas, mentres que o aumento de leis punitivas dificulta aínda máis o acceso á atención.
Ante este panorama, requírese un enfoque transformador que permita superar as disrupcións e manter o rumbo cara á meta de poñer fin á sida para 2030.

Seguir lendo na web das Naciones Unidas UNAIDS.
Recursos en Trello

mércores, 5 de novembro de 2025

Celebración do Samaín

O pasado xoves 30 de outubro celebramos o Samaín no noso IES. Antes do recreo, a marcha da Santa Compaña, capitaneada pola nosa encargada de Biblioteca, Begoña, desfilou polo corredor e polas aulas, acompañada dunha melodía terrorífica a cargo de alumnado de 3º da ESO, que tocou xunto coa súa profe de Música, Teresa. 

Ademais, tamén alumnado de 3º da ESO fixo un túnel do terror no que había que ser moi valente para atreverse a entrar. Pero isto non foi todo, senón que durante a celebración repartíronse os premios do concurso de microrrelatos de Samaín e puidemos desfrutar dun rico chocolate. 

Os titores e titoras tamén fixeron un labor mrabilloso para ambientar o instituto e decoraron portas e taboleiros das aulas co seu alumnado. Por último, os estudantes de Anatomía aplicada de 1º de Bacharelato fixeron uns magníficos traballos sobre enfermidades terroríficas, relacionándoas con diversas personaxes do Samaín.

Deixámosvos un resumo da nosa celebración na presentación!

venres, 16 de maio de 2025

Festexando as Letras

cartaz feito polo alumnado do obradoiro de papiroflexia

Hoxe festexamos por todo o alto o Día das Letras Galegas no IES: o alumnado de 3º da ESO recitou un poema da obra Cantares gallegos, de Rosalía de Castro e, ademais, un grupo de profesores/as e alumnos/as tocou música tradicional galega e bailou no patio do centro, mentres outros cantaron ao son da música. Deixámosvos uns vídeos da celebración e o enlace para ver a galería de fotos.

domingo, 20 de abril de 2025

XX Xornadas Literarias adicadas a Alfonso Daniel R Castelao

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentou na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, e máis a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

Seguir lendo...

martes, 8 de abril de 2025

Cienciaflix

No mes do libro e da lectura, desde o Club de ciencia do noso IES fixéronnos unha serie de recomendacións de lecturas científicas que nos parecen moi interesantes e que compartimos con vós. Animádevos e levade algunha delas para estas vacacións de Semana Santa!

mércores, 2 de abril de 2025

Día do Libro Infantil e Xuvenil


Hoxe celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha data elixida en homenaxe ao famoso escritor danés Hans Christian Andersen. E xustamente hoxe acabamos de coñecer que a escritora viguesa Ledicia Costas resultou gañadora do prestixioso Premio Barco de Vapor SM de Literatura Infantil. O xurado escolleu a súa obra 'Feriópolis' (SM) como a mellor do ano nesta categoría fundamentando a súa decisión por ser esta "unha obra de fantasía que dá voz ao mundo interior dos cativos en toda a súa complexidade, ofrecéndolles un refuxio". 

venres, 28 de marzo de 2025

Día das Artes Galegas 2025

Este ano, o Día das Artes Galegas, que se conmemora o 1 de abril, está dedicado a Isaac Díaz Pardo. O EDLG elaborou a presentación que podedes ver nas diapositivas, que xa se atopa colocada no corredor do noso IES. Non deixedes de aprender sobre este referente cultural galego tan importante!

luns, 17 de marzo de 2025

Día do Cómic e do Tebeo

O 17 de marzo celébrase o Día do Cómic e do Tebeo e nós queremos conmemoralo recomendándovos a novela gráfica Rosalía Oculta, Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, xa está á vosa disposición na nosa biblioteca.

Deixámosvos a continuación a sinopse:

Rosalía de Castro foi, sen ningunha dúbida, unha muller avanzada ao seu tempo. En pleno século XIX, cando a vida das mulleres practicamente se reducía ao fogar, unha escritora nova loita por expresarse libremente nunha sociedade que a ignora e a censura. A súa obra fálanos da súa terra, da opresión e da marxinación do pobo, de temas tan actuais como o feminismo, as diferenzas entre clases, a emigración, a Igrexa e a androxinia. Só podemos alcanzar a xuntar unha pequena parte do quebracabezas que compón a súa persoa e iso é, en definitiva, o que tenta mostrar esta novela gráfica.

I Concurso de poesía

O próximo 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, que conmemora unha das formas máis preciadas da expresión, identidade e lingüística da humanidade. Nós queremos contribuír a conmemorar este día e, por iso, desde o EDLG e a Biblioteca, lanzamos o I Concurso de poesía, no que podedes participar a través de dúas categorías:

  • Categoría A: creación de haikus
  • Categoría B: poesía escura

Consultade aquí as bases.

Animádevos a participar, que hai premio!

venres, 14 de marzo de 2025

Día de Pi

Hoxe celébrase o Día de Pi e nós queremos conmemoralo co poema que a poeta polaca Wislawa Szymborska escribiu en 1976 e que vos deixamos a continuación. Esperamos ter feito unha tradución o máis fiel posible ao poema orixinal e que vos guste.