Amosando publicacións coa etiqueta cultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cultura. Amosar todas as publicacións

venres, 2 de outubro de 2026

Julio Llamazares, Premio Nacional de Narrativa 2026

O escritor leonés Julio Llamazares foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa 2026 pola súa obra El viaje de mi padre, unha novela que invita a reflexionar sobre o paso do tempo e os vínculos xeracionais. Nela, o autor refixo os pasos que tivo que dar o seu pai durante a Guerra Civil, participando nalgunhas das peores batallas, como a de Teruel e a de Levante. En palabras do propio escritor, trátase dunha "homenaxe a todos aqueles rapaces que perderona vida, a xuventude e a inocencia nun momento tráxico da historia".



xoves, 24 de setembro de 2026

G-Night en Ferrol

Mañá celébrase en Ferrol a G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, un evento de divulgación científica que ofrece actividades gratuítas nas que investigadores e investigadoras das universidades galegas e dos diferentes organismos de investigación participantes achegarán o seu traballo á cidadanía. En concreto, en Ferrol este será o programa de actividades.

Tedes toda a información sobre a G-Night aquí.

mércores, 23 de setembro de 2026

Ciclo de cinema documental na Casa da Cultura de Neda

No marco do ciclo municipal de cinema documental, este venres día 25 a partir das 20:30 horas, proxectarase na Casa da Cultura de Neda “Salvaxe, salvaxe”. Trátase dun ensaio cinematográfico que percorre as “terras do lobo” de Galicia e Portugal para explorar a relación entre as persoas, os animais, e a paisaxe que comparten. Este documental constrúe unha reflexión ao redor da vida salvaxe, a relación coa contorna, e o vínculo entre cultura e natureza.

A proposta, que atesoura numerosos recoñecementos, forma parte do “Outono das artes”, impulsado pola Deputación da Coruña, e inclúe un coloquio ao rematar a proxección coa participación do director da película. A entrada é de balde.

Toda a información aquí.

mércores, 16 de setembro de 2026

No 175 aniversario do seu nacemento, recordamos a Emilia Pardo Bazán

Tal día coma hoxe, hai 175 anos, nacía na Coruña Emilia Pardo Bazán. Foi unha prolífiica escritora, xornalista e ensaísta, que escribiu máis de 600 obras entre novelas, contos e estudos literarios. A súa obra máis representativa, Os pazos de Ulloa, é unha peza clave do naturalismo español, unha corrente literaria que pretendía retratar a vida dun xeito crudo e realista.

Ademais, Pardo Bazán foi unha incansable defensora da igualdade entre homes e mulleres: defendeu o acceso das mulleres á educación, abriu camiño en espazos reservados aos homes e enfrontouse á Real Academia Española por negarlle o ingresso polo feito de ser muller.

O seu legado perdura no tempo; non só na literatura, senón tamén no avance dos dereitos da muller.

xoves, 4 de xuño de 2026

Falece Marjane Satrapi


Hoxe faleceu, aos 56 anos de idade, a debuxante de cómics francoiraní Marjane Satrapi, autora da coñecida obra Persépole, que relata a súa infancia en Teherán e os cambios en Irán tras o derrocamento do Sha de Persia en 1979 e a instauración da República Islámica.
Marjane naceu en Rasht, Irán, en 1969. Medrou en Teherán nunha familia de intelectuais de esquerdas e a súa nai foi quen lle dixo algo que aparece en Persépole e que nunca esqueceu: "Na túa vida coñecerás moitos tontos. Se che fan dano, recorda que é porque son estúpidos. Non respondas á súa crueldade. Non hai nada peor que a amargura e a vinganza. Amosa a túa dignidade e a túa integridade". A súa nai tiña razón e Satrani pasou toda a súa vida demostrándoo. 
Que a terra che sexa leve, Marjane.

luns, 18 de maio de 2026

Gañadores da VIII Olimpiada Cultural


Norabóa por tanto esforzo e bo traballo pois en tempos de exames (de 2º BAC) resultou moi complicado seguir participando nunha Olimpiada tan esixente.

Día dos Museos: "unindo un mundo dividido”.


Con motivo do Día Internacional dos Museos, a Rede de Grandes Espazos de Divulgación (GEDIC) do CSIC súmase a esta celebración cunha variada programación de actividades repartida por todo o territorio. Puertas abertas, espectáculos musicais, charlas, talleres ou visitas guiadas achegarán a ciencia e a cultura científica a públicos de todas as idades ao redor do 18 de maio.

Seguir lendo na web do CSIC ou na web da Consellería para ver as actividades na nosa comunidade.

mércores, 26 de novembro de 2025

Marilar Aleixandre, primeira doutora honoris causa da Universidade de Almería

 


A Universidad de Almería (UAL) investiu a Marilar Aleixandre doutora honoris nunha cerimonia na que a académica defendeu o pensamento crítico como "ferramenta poderosa" para enfrontar os desafíos da desinformación e combater o negacionismo. A catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela é a primeira muller que pasa a formar parte do claustro de honra da UAL, e tamén a primeira investigadora do campo da educación e da didáctica que acada este recoñecemento na mesma institución.

Continuar lendo aquí.

xoves, 23 de outubro de 2025

Bicentenario do nacemento de Avelina Valladares

 


Tal día coma hoxe de hai 200 anos nacía na Estrada Avelina Valladares, pioneira da literatura galega. Foi unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora no emprego da lingua galega nalgúns dos seus poemas.

A pesar de ter unha profunda formación relixiosa, Avelina rompeu coas normas sociais da súa época, rexeitando unha e outra vez os pretendentes que viñan "salvala" da súa soltería. A emigración, Galicia, a orfandade, a fe e a súa propia familia foron temas recorrentes nas súas composicións.

Ademais dos seus textos, a autora deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos.

domingo, 20 de abril de 2025

XX Xornadas Literarias adicadas a Alfonso Daniel R Castelao

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentou na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, e máis a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

Seguir lendo...

venres, 28 de marzo de 2025

Día das Artes Galegas 2025

Este ano, o Día das Artes Galegas, que se conmemora o 1 de abril, está dedicado a Isaac Díaz Pardo. O EDLG elaborou a presentación que podedes ver nas diapositivas, que xa se atopa colocada no corredor do noso IES. Non deixedes de aprender sobre este referente cultural galego tan importante!

xoves, 27 de marzo de 2025

Día Mundial do Teatro


Hoxe celébrase o Día Mundial do Teatro, unha conmemoración establecida polo Instituto Internacional do Teatro  lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo é promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo e crear conciencia sobre o seu valor. Na nosa biblioteca temos numerosas obras teatrais que vos animamos a ler e, se aínda non o fixestes, comezar a mergullarvos neste xénero tan interesante.

mércores, 19 de marzo de 2025

Semana do Cinema Galego

Do 26 ao 29 de marzo, terá lugar a sexta edición da Semana do Cinema Galego, que se levará a cabo no Teatro Colón da Coruña. Durante estes catro días exhibiranse oito das producións máis recentes e recoñecidas da industria cinematográfica asinada en Galicia. A entrada é de balde ata completar aforo. Tedes toda a información sobre a programación aquí. Non vos perdades este evento!

luns, 10 de marzo de 2025

Exposición sobre Torrente Ballester en Ferrol


Desde o sábado 8 de marzo e ata o 30 de abril, o centro cultural de Ferrol Gonzalo Torrente Ballester, acolle a exposición que leva por título Gonzalo Torrente Ballester, La Travesía de un Creador. Trátase dun percorrido pola biografía deste autor ferrolán, que amosa fondos bibliográficos, gráficos, documentais e materiais conservados tanto na propia Biblioteca Nacional como na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela. Xunto ás 130 pezas expostas, tamén se pode ver o documental GTBxGTB, producido en 2010 pola Sociedad Estatal de Conmemeoraciones Culturales (SECC) e a Fundación Gonzalo Torrrente Ballester.

venres, 7 de marzo de 2025

Manuel Rivas, premio CEDRO 2025

Tras recibir o Premio Nacional das Letras, o escritor Manuel Rivas é obxecto dun novo recoñecemento, o Premio CEDRO, concedido polo Centro Español de Derechos Reprográficos. A decisión susténtase no recoñecemento do seu firme compromiso coa cultura, así como a súa achega á defensa dos dereitos de autor e a propiedade intelectual. 

xoves, 6 de marzo de 2025

A Rosa Incandescente

Hoxe disfrutamos da compaña de Rosalía de Castro que veu a visitarnos da man dunha ferramenta incrible: o cinema. 
Grazas á creatividade e esforzo de Anxos García Fonte o alumnado de 3ºESO e 1º BAC achegouse á figura da nosa poeta máis internacional.
A Rosa Incandescente presenta as inquedanzas, dúbidas e preocupacións dunha Rosalía moi nova que xa quería ser dona de sí, asinar os seus traballos có seu nome e dar valor ao traballo dunha muller. A Rosalía doente pola súa familia, nai e fillos; a Rosalía autora, a Rosalía feminista é a representada na curta de Anxos García Fonte, guionista e produtora que soubo escoller os ambientes interiores e exteriores da nosa terra cunha gran sensibilidade.
Un privilexio contar con ela no noso centro para achegar aos rapaces a súa figura.

Moitas grazas Anxos e a todos os que a axudaron a crear esta marabilla.