domingo, 6 de maio de 2018

XIV Premio Frei Martín Sarmiento a Antón Riveiro Coello


A ferida do vento de Antón Riveiro Coello é a obra gañadora do XIV Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de bacharelato e adultos.
A última novela de Riveiro Coello ata a data, de quen chegou ás librarías a finais do pasado ano a colección de microrrelatos Á sombra dos bonsais, consegue alzarse cun dos galardóns máis orixinais do panorama literario galego dos últimos anos. O Premio Frei Martín Sarmiento concibido coma unha actividade de animación á lectura en lingua galega, parte da proposta dunha serie de libros finalistas en diferentes categorías dende a Educación Infantil ata o Bacharelato que o alumnado le e comenta ao longo do curso, e sobre os que emite as súas valoracións para elixir o libro gañador en cada unha das diferentes categorías.
Antón Riveiro Coello fixérase xa co galardón grazas á novela Laura no deserto (2011), e repite desta volta con A ferida do vento, que suma xa catro reimpresións dende que chegase ás librarías en outubro de 2016, e que non deixa de sumar lectores. É esta unha novela de formación, escrita cunha ollada lírica e sensible, onde o autor limiao non só nos ofrece un fresco humano da súa vila, poboada de personaxes memorables entre os que figura o escritor Carlos Casares, senón tamén a reprentación exquisita do paso da infancia á adolescencia.
Os nosos parabéns ao autor e non perdades a oportunidade de lela!
Vía Editorial Galaxia

Ningún comentario :