domingo, 10 de maio de 2009

O noso club de lectura nas VII Xornadas Literarias do Concello de Neda



Aínda que non é novidade, porque xa o comentamos no instituto, non podemos deixar de falar dos nosos rapaces e do noso concello que organiza unhas xornadas.... que ben, moitos quererían para seu.
Non queremos presumir, pero e que as veces as cousas saen rodadas. Temos uns grupos no club de lectura que se nos cae a baba.
O outro día nas xornadas sobre Virginia Woolf unhas rapazas de 4º de PDC fixeron unha presentación da autora, nada doada de ler, fantástica. Aínda que estaban presas dos nervios; imaxinade un auditorio composto por estudiosos da autora homenaxeada, o decano da facultade de Humanidades, Manuel Grueiro, público en xeral, prensa... acercáronnos ás inquedanzas de Virginia e explicaron, á súa maneira, o por qué das súas obras....

E logo!!!! Con Loles como mediadora, rapaces de 2º da ESO analizaron o conto que leran, recrearon a sesión do club de lectura. Son moi novos e tiveron que poñer os seus pensamentos por escrito porque o medo escénico era importante, pero foi todo un orgullo velos comentando o que entenderan do relato que escolleran.
Ponentes como Manuela Palacios, profesora de Filoloxía Inglesa na USC e prologuista de "Un cuarto de seu", Purificación Mayobre, escritora e profesora da Univ. de Vigo e José Manuel Sande desfacíanse en eloxios pola sesión dos alumnos e a profesora.

Estas actividades serven para afianzar os nosos clubes e o interese pola literatura en rapaces que gustan da lectura, ou non tanto porque as veces o estar en grupo é o primeiro paso, logo atopamos cousas, temas, autores... e un libro nos engancha. E senón que llo pregunten a Alejandro, a Dani, a Jenny...

Ningún comentario :