luns, 25 de maio de 2009

VIN A XUVIA MIRAR...por Vicente Araguas


Despois de virnos visitar Vicente Araguas regálanos esta poesía.
Grazas!


VIN A XUVIA MIRAR
COMO O RÍO FIGURA
MANEIRAS ESCOLARES

(Instituto Fernando Esquio)

A Tania, Patricia, Isabel, Eva, Noelia e Patricia.
A Loles Paris.

Agora que son voso, estratexias de río
fluíndo antigamente, e canle tan perfecta
como cauda de estrelas, ou caída de nubes
voando a cada paso, que dou e que me dades.

E son de aquí con formas de illa con lavancos
de praias asombrosas e pontes despontadas
e bañistas intrépidos cal naos que se enguedellan
na procura de amores e patrias neboentas.

Vou e veño e me quedo coa forza dos paxaros
mergullándose en augas que son e non se perden
mentres o río estea, cal espello visible
a carón dos pupitres nos que imos sabendo.

Aprendendo as orixes que fornecen as cousas
que nós máis estimamos, como volver de lonxe,
feitos luz e cristal e materia de sempre
nun contino artellar de laradas e casas.

Agora son moi voso, e lume de batalla,
fogo alto alcendido para que nunca cese,
para seguir andando, con amoras e chuvia
no Camiño de sempre, antigamente Vello.

VICENTE ARAGUAS

Ningún comentario :