O 25 de novembro é un día de reflexión e denuncia contra as
diferentes formas de violencia que sofren as mulleres.
A idea de celebralo nace no Ier Encontro Feminista de
Latinoamérica e do Caribe celebrado en Colombia en xullo de 1981.
En 1993 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a
Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que se definiu
a "violencia contra a muller" como
«todo acto de violencia baseado no xénero que ten como
resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as
ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que
ocorra na vía pública ou na vía privada. »
O 17 de decembro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións
Unidas designou o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da
Violencia contra a Muller. A ONU convidou a «gobernos, organizacións
internacionais e organizacións non gobernamentais a organizar actividades
dirixidas a sensibilizar ao público respecto do problema neste día como unha
celebración internacional.»
Elixiuse o 25 de novembro para conmemorar a morte das irmás
Mirabal (Patria, Minerva e Maria Teresa), tres activistas políticas asasinadas
o 25 de novembro de 1960 en mans pola policía secreta do ditador Rafael
Trujillo na República Dominicana. Minerva e María Teresa previamente foron
encarceradas, violadas e torturadas en varias ocasións.
Os seus cadáveres esnaquizados apareceron no fondo dun
precipicio. Para o movemento popular e feminista de República Dominicana
historicamente estas mulleres simbolizaron a loita e a resistencia.
Seguir lendo en Educando en Igualdade
Ningún comentario :
Publicar un comentario