O 22 de abril, o alumnado de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º A de Bacharelato tivo a oportunidade de realizar unha saída para coñecer a xeoloxía da contorna do centro. Os/as estudantes estiveron no Coto de Ancos, onde puideron ver in situ os ortogneis característicos do lugar, así como comprender a formación da ría de Ferrol. Así mesmo, visitaron Penas Louseiras, onde descubriron as lousas verticais características da zona, así como as corneanas formadas como consecuencia do metamorfismo de contacto entre as lousas e os granitos. Por último, estiveron tanto a pé da fervenza do Belelle, como observándoa desde o miradoiro de Viladonelle, aprendendo sobre a formación das marmitas de xigante. Todo isto grazas ao xeólogo Francisco Canosa, que foi o guía da nosa visita.
Trátase dunha saída organizada polo Departamento de Bioloxía e enmarcada no Plan Proxecta Antonio Fraguas Fraguas, co obxectivo de coñecer o patrimonio xeolóxico próximo ao centro educativo.