xoves, 30 de xaneiro de 2025

Día da Ilustración 2025

No noso instituto celebramos o Día da Ilustración, que coincide coa data do nacemento de Castelao, a través dos debuxos da súa obra Cousas. Desde o EDLG convocamos un concurso de memes que foi todo un éxito, pois tivemos moita participación. Vainos resultar complicado elixir os gañadores/as, xa que presentastes uns traballos de moita creatividade!

Ademais, fixemos unha exposición das obras de Castelao das que dispoñemos na biblioteca do centro e, o noso profe de Educación Plástica, debuxou a marabillosa figura que podedes ver na presentación.

Moitas grazas a todos os/as alumnos/as pola vosa participación!

mércores, 29 de xaneiro de 2025

Feira Isabel Zendal no Aquarium Finisterrae


Este sábado 1 de febreiro, o Aquarium Finisterrae da Coruña celebra a Feira Isabel Zendal, con talleres científicos para todos os públicos da man de alumnado e profesorado da Universidade da Coruña. Ese día, a entrada será gratuíta para todas as persoas que visiten o Aquarium con reserva de entradas, que pode facerse na seguinte dirección. Non volo perdades!

Tedes información máis detallada neste enlace.

martes, 28 de xaneiro de 2025

Máis aló do abismo - 80 aniversario da liberación de Auschwitz Birkenau

Desde o Obradoiro de papiroflexia queremos lembrar no Día Escolar da Non Violencia e a Paz uníndo esta data ao Día Internacional de Conmemoración na Memoria das Vítimas do Holocausto polo que achegamos unha mostra de fondos.

O 27 de xaneiro de 2025 conmemórase o 80º aniversario da liberación do campo de concentración e exterminio nazi alemán de Auschwitz Birkenau, onde foron asasinadas máis dun millón de persoas, a maioría delas xudías.

Con motivo do Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto e co obxectivo de conmemorar este importante aniversario, a UNESCO, en colaboración coa Rexión de Normandía e o Memorial da Shoah, acolle a exposición fotográfica “Máis aló do abismo dos campos de Auschwitz I e Auschwitz II Birkenau”, do fotógrafo Olivier Mériel. As fotos expoñense nos valos da Sede da UNESCO en París entre o 20 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2025: nos achegamos algunhas delas.

Para saber máis UNESCO


luns, 20 de xaneiro de 2025

Calendario do Libro e da Lectura 2025

Presentámosvos o Calendario do Libro e da Lectura para 2025,  que dá conta de 34 efemérides no ámbito das letras para os vindeiros doce meses, recolle datas de homenaxe a Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento e a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica o vindeiro Día das Artes Galegas.

Canda a estas datas, o calendario recolle como novidade a celebración o 17 de outubro do Día do patrimonio inmaterial, que contará con actividades específicas nas bibliotecas públicas do país. Tamén se incorporan a esta programación, o 27 do mesmo mes, o Día da corrección de textos, e o 22 de novembro, o Día da música.

As ilustracións do calendario foron feitas por Carlos Gallego Domínguez. 

domingo, 19 de xaneiro de 2025

Aniversario de Edgar Allan Poe


Un 19 de xaneiro do ano 1809 nacía o escritor estadounidense Edgar Allan Poe, considerado un dos piares fundamentais da literatura de misterio e terror. Aínda que Poe é máis coñecido polos seus relatos de horror gótico, como El cuervo ou El corazón delator, as súas historias de detectives foron fundamentais na evolución da novela negra tal e como a coñecemos hoxe en día. Se vos gustan estes xéneros, non deixedes de coller as súas obras na nosa biblioteca!

mércores, 8 de xaneiro de 2025

Concurso de memes Día de Castelao

Para conmemorar o Día de Castelao, que se celebra o 30 de xaneiro, propoñémosvos un concurso de memes relacionado coa súa obra Cousas da vida. Só tedes que elixir un debuxo dos que aparecen nesa obra e empregalo para facer un meme sobre o que vós queirades. Hai exemplares do libro na nosa biblioteca e tamén podedes atopalos neste enderezo web. Animádevos a participar! Haberá premio para os mellores memes!

venres, 3 de xaneiro de 2025

Catálogo GALIX 2024

 
preme na imaxe

Desde o Día Internacional do Libro Infantil, Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura, David Cortizo, presidente de GÁLIX, e Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas, presentaron o catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2024 que, como cada ano, elaboramos recollendo os títulos de literatura infantil e xuvenil publicados polas editoriais galegas ao longo do ano anterior.
Nos comezamos o ano dando a coñecer esta selección que tamén tedes accesible na columna da esquerda con outras seleccións LIX.
Podes descargar esta publicación en calquera destes espazos:
Pero ante todo queremos desexarvos FELIZ ANO NOVO!