martes, 30 de outubro de 2018

Norabóa a Marcos Calveiro Premio San Clemente 2018


A última novela de Marcos CalveiroO xardineiro dos ingleses, que xa fora recoñecida co Premio de Novela Manuel García Barros no 2017, foi merecedora hoxe do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIV edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas La uruguaya de Pedro Mairal, na categoría en español, e A vexetariana de Han Kang, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela).
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.

Ningún comentario :