viernes, 9 de mayo de 2008

Nanobacterias e ciencia

Na sección Moléculas do suplemento Futuro desta semana do diario El Pais, se fala dunha investigación que pon en dúbida a existencia duns organismos chamados nanobacterias, ós que se fan responsables dalgunhas enfermidades e para os que incluso hai tratamentos. Confeso que nunca oín falar delas e se queredes saber máis recoméndovos ir ó xornal ou mellor utilizar un buscador para investigar.

O que quero destacar é que esta investigación amosa como traballan os científicos. Non hai dogmas e todo se revisa. Se algo se pode probar e comprobar é certo e se acepta e senón, non. E cando algo se demostra que non é posible, se abandona e a outra cousa.

Este proceder sinxelo, o método científico, parece evidente e ten dados moi bos resultados. Pero sempre hai grupos que tratan de minimizar os seus resultados por intereses de todo tipo. Como mostra o “Deseño intelixente” onde xente sen preparación científica pretende impoñer un modelo da realidade baseado en conviccións e crenzas, e buscan, por un lado desacreditar o traballo da comunidade científica e por outro, darse unha pátina de ciencia. O problema e que o fan ó revés, colocan a teoría por encima das probas, xusto ó contrario do método científico, onde as probas están por encima das teorías.

A ciencia baséase no método científico e no análise rigoroso das probas. E ó que non lle guste que busque outra cousa, pero non se lle pode chamar ciencia ó que non o é, nin impoñer como saber científico o que non deixa de ser cuestión de fe.

Probablemente o que anoxe a moita xente é o ben que funciona a ciencia ben feita, pero eso non é culpa de ninguén. E o que teña algo mellor que o amose.


No hay comentarios :