luns, 13 de marzo de 2017

Novidades Norteáns

Durante a cerimonia de iniciación de Bris, o herdeiro do moi nobre Neixón, o señor de Norteáns, o pobo elixido, anticípanse importantes mudanzas en Nola. Diante dos ollos de Forca, o ourive, fillo da meiga a Reva, tres mulleres, Cances, irmá de Bris, Leta e a súa nai Banda, a tecelá, desafían as sagradas leis norteás. Mentres, Pruno, un escravo liberto, prende a isca da rebelión dos argolados, os servos aos que se identificaba por levar un pecho de ferro ao redor da gorxa. 
Serán capaces de ceibarse do xugo dos norteáns? O torque sagrado marcará o camiño da súa vitoria? Novela prehistórica, Norteáns reconstrúe con detalle a sociedade castrexa, a súa organización social, política, militar e familiar; os usos e costumes cotiáns e a relixiosidade da cultura prerromana que poboou Galicia e o norte de Portugal no século I antes de Cristo. 
Norteáns é, tamén, o retrato dunha sociedade onde había idealistas e opresores, onde reinaba decote o amor e a amizade, mais tamén a cobiza e a vilanía. Un relato engaiolante protagonizado por homes e mulleres capaces de sacrificarse por unha causa xusta ou de traizoarse loitando polo poder, como sucede no noso tempo.

Norteáns de Mar Guerra xa na biblioteca

Ningún comentario :