venres, 23 de outubro de 2026

Día das Bibliotecas 2026

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, este ano, baixo o lema Sen profesionais non hai bibliotecas, unha frase que quere poñer no centro ás persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, andeis e espazos, pois garanten o acceso á cultura, acompañan as súas comunidades e fan das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todos.

Como xa é tradición na nosa Biblioteca Escolar, para conmemorar este día destacamos a figura dun autor ou autora de recoñecido prestixio, para así dárllelo/a a coñecer aos máis novos. Este curso, a autora elixida foi Agatha Christie, pola importancia da súa obra e porque neste 2026 cumpríronse 50 anos do seu pasamento. Estes días, no corredor da planta baixa do noso instituto podemos desfrutar da exposición sobre a escritora, que comprende decoración, cartelería coa súa vida e obra, caligramas e xogos realizados por alumnado e profesorado, así como un póster construído a través das portadas das súas obras. Esperamos que vos guste e que aprendades moitas cousas sobre esta célebre autora! Deixámosvos por aquí as imaxes da exposición.

Julian Barnes, Premio Princesa de Asturias de las Letras

O novelista británico Julian Barnes gaña o Premio Princesa de Asturias das Letras 2026. Educado en Londres e en Oxford, considérase unha das maiores revelacións da narrativa inglesa das ultimas décadas. É autor de numerosas novelas moi aclamadas pola crítica internacional, ademais de relatos breves e ensaios.

xoves, 22 de outubro de 2026

Luis Zueco, Premio Ivanhoe 2026

O Certame Internacional de Novela Histórica Ciudad de Úbeda concedeu o Premio Ivanhoe 2026 ao escritor Luis Zueco, en recoñecemento a unha traxectoria literaria que o consolidou como un dos nomes salientables da novela histórica española.

luns, 19 de outubro de 2026

Día das Escritoras 2026


Cando pensamos na Xeración do 27, a todos nos veñen á mente nomes indiscutibles da nosa literatura: Federico García Lorca, Rafael Alberti, Luis Cernuda ou Pedro Salinas. A razón é que, durante décadas, os libros de texto gardaron un silencio inxusto sobre a outra metade desa explosión cultural. 

Nos mesmos cafés de Madrid, nas mesmas aulas da Residencia de Estudantes e co mesmo talento desbordante, un grupo de mulleres excepcionais, coñecidas como As Sensombreiro, transformou o panorama artístico da España dos anos 20 e 30. Poetas, novelistas, dramaturgas e pensadoras que, non obstante, foron borradas da historia oficial.

Hoxe, no Día das Escritoras, a piques de cumprirse o centenario da Xeración do 27, queremos rescatar do esquecemento algunhas desas figuras clave: Ernestina de Champourcín, Concha Méndez, Josefina de la Torre, María Teresa León, Rosa Chacel, María Zambrano, Luisa Carnés, Carmen Conde, Margarita Ferreras, Lucía Sánchez Saornil e Zenobia Camprubí.

Se che interesa o tema, podes ver este documental sobre as mulleres artistas e intelectuais da Xeración do 27.

Ademais, neste día non quixemos deixar de conmemorar as escritoras galegas, polo que fixemos unha escolma de obras que tedes na nosa biblioteca e que podedes atopar no corredor central do instituto:



venres, 16 de outubro de 2026

María Solar, Premio da Cultura Galega das Letras

A xornalista e escritora María Solar obtivo o Premio da Cultura Galega na modalidade das Letras, un galardón que recoñece a excelencia creativa e a proxección cultural de Galicia.

Isabel Allende gaña o Premio Planeta

Isabel Allende proclamouse gañadora da 75 edición do Premio Planeta coa súa novela La hora antes del alba. A célebre autora presentouse ao certame baixo o seudónimo de Luz ventura para traernos unha obra histórica: a secuela oficial do seu célebre debut, La casa de los espíritus.

xoves, 15 de outubro de 2026

Desde 2023, Galiza Cultura promove a celebración do Samaín popularizando a obra de Castelao, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. O esqueleto protagonista relátanos as súas memorias, que recollen as peripecias dunha existencia máis alá da morte, sobre o mundo dos vivos.

O vindeiro 28 de outubro, mércores, ás 20:00 h, o Teatro Jofre de Ferrol será o escenario onde esta historia cobre vida. A montaxe conta coa participación de membros da Coral de Solfa de Santiago e da Agrupación Cultural O Galo, baixo a adaptación e dirección de Lucho Penabade, profesor de Lingua Galega e Literatura do noso IES.

venres, 9 de outubro de 2026

Anne Carson, Premio Nobel de Literatura 2026

Seis anos despois de ser recoñecida co Premio Princesa de Asturias das Letras, a poeta e ensaísta canadiense Anne Carson gaña o Premio Nobel de Literatura 2026. 

A poesía de Anne Carson caracterízase por borrar por completo as fronteiras entre os xéneros literarios. A súa obra non busca axustarse ás formas tradicionais do poema; máis ben preséntase como unha hibridación onde conviven a poesía purificadora, o ensaio académico, a narrativa e a crítica filolóxica.

mércores, 7 de outubro de 2026

Novo festival literario en Pontedeume para celebrar o Samaín

Pontedeume estrea Vila das lendas, un festival literario que se celebrará do 30 de outubro ao 1 de novembro, coincidindo co Samaín. Haberá encontros con escritores, presentacións de libros, mesas de debate, roteiros temáticos, representacións escénicas, actividades familiares, talleres e sesións de narración oral. Unha parte importante das propostas estará vinculada as historias e lendas do propio territorio.

Toda a información aquí.

martes, 6 de outubro de 2026

Semana Mundial do Espazo 2026

En 1999, a a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou "Semana Mundial do Espazo" a semana comprendida entre o 4 e o 10 de outubro, para celebrar cada ano a escala internacional as contribucións da ciencia e a tecnoloxía espaciais á mellora da condición humana.

A razón de que se celebre nestas datas é que lembran dous momentos importantes: o 4 de outubro de 1957 foi lanzado o Sputnik 1, o primeiro satélite artificial da Terra, que abriu unha nova etapa na exploración espacial. Por outra banda, o 10 de outubro de 1967 entrou en vigor o Tratado sobre o Espazo Ultraterrestre, un acordo que establece principios para a exploración e utilización do espazo, incluída a Lúa e outros corpos celestes. Ambos os acontecementos marcan o inicio e o peche desta semana.

Se che interesa este tema, tes á túa disposición moitos libros relacionados con el na biblioteca e tamén entre os exemplares da Hora de ler.

luns, 5 de outubro de 2026

III Concurso de microrrelatos de Samaín

Un curso máis, a Biblioteca e o EDLG convocamos o concurso de microrrelatos de Samaín. Tedes as bases de participación neste enlace.

Agardamos con ansia os vosos arrepiantes relatos. Haberá premios para as mellores historias terroríficas!

venres, 2 de outubro de 2026

Julio Llamazares, Premio Nacional de Narrativa 2026

O escritor leonés Julio Llamazares foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa 2026 pola súa obra El viaje de mi padre, unha novela que invita a reflexionar sobre o paso do tempo e os vínculos xeracionais. Nela, o autor refixo os pasos que tivo que dar o seu pai durante a Guerra Civil, participando nalgunhas das peores batallas, como a de Teruel e a de Levante. En palabras do propio escritor, trátase dunha "homenaxe a todos aqueles rapaces que perderona vida, a xuventude e a inocencia nun momento tráxico da historia".