xoves, 17 de marzo de 2011

Para que preciso saber química?


7:30 da mañá.
Soa o espertador. É un modelo dixital cun corazon de cuarzo e con pantalla de cristal líquido.
Érgome e emprego un xel na ducha e un desodorante en aerosol.
A roupa que me poño é de fibra natural coloreada (a maioría das fibras son brancas) tratada para que se engurre pouco. O meu calzado é de goretex, un tecido artificial sorprendente, e a sola é de coiro tratado para facelo máis resistente.
No almorzo tomo un leite desnatado (hai que manter a liña o colesterol e o peso) uperisado e homoxeneizado cunha torrada de pan (feito con masa fermentada de fariña e auga) e unha pílula de paracetamol (teño unha lixeira dor de cabeza).
Lavo a louza sucia do almorzo cun deterxente líquido e emprego un estropallo de fibra verde sintética.
Subo no meu coche, feito de aliaxe metálica (resistente e lixeira) que no interior ten variados materiais plásticos, que vai soportado por pneumáticos (mestura dunha rede metálica e un caucho , que pode ser a partir de látex natural vulcanizado ou sintético) e que consume un destilado de petróleo ó que se lle engadiron algúns produtos para darlle cor (para distinguilo dos outros derivados) e facer que no motor renda a enerxía con máis eficacia.
Non hai unha hora que espertei e xa empreguei unha morea de cousas que non serían posibles sen a química.
Segundo parece estamos no Ano Internacional da Química. E eu penso que a nosa vida é pura química. Vivimos rodeados de produtos químicos, nos somos unha mestura de substancias químicas que están a reaccionar de xeito continuo, que xa reaccionaban antes de nos nacer, e que reaccionaran cando deixemos de existir.
Odiamos a química cando dicimos iso de que os produtos químicos contaminan os océanos e nos envelenan. Pero cando queremos que a nosa horta produza os mellores froitos non dubidamos en empregar abonos e pesticidas. Danos igual que as pilas dos nosos trebellos electrónicos contaminen ou non, queremos que duren. A nosa roupa ten que ter cor, ser boa de lavar e que non se enrugue nin encolla ó lavala. E xa non digamos se estamos enfermos, queremos medicinas que nos sanen, pero xa. De feito, o abuso dos medicamentos é un problema sanitario grave.
A química é a nosa compañeira de viaxe dende hai moitos séculos. Ningún avance da humanidade lle foi alleo. E sen ela nin podemos nin sabemos vivir.
Para rematar unha versión dunha coñecida poesía de G. A. Becquer
¿Qué es química?, dices mientras clavas
En mi pupila tu pupila azul.
¡Qué es química! ¿Y tú me lo preguntas?
Química eres tú.
Y añado, aunque te sorprendas,
¡Y todo lo que te rodea, tú!
Podemos ignorala, odiala, darlle a espalda ou amala. Á química dalle igual e vai seguir ahí. E nosoutros, como ciudadanos, debemos saber o que estamos facendo e usar con responsabilidade todos os produtos e materiais que a química pon a nosa disposición. E elixir con criterio, información e sentido común. E se non o facemos así, tarde ou cedo sufriremos as consecuencias.
Saúdos a todos.
(E disculpas a Becquer e ós que lles gusta a poesía polo abuso).

Imprimir

Ningún comentario :