luns, 30 de maio de 2011

O diario violeta de Carlota


Fai uns días falabamos de Gemma Lienas e o seu Billete de ida y vuelta, e hoxe traémosvos O diario violeta de Carlota xa en galego, unha ferramenta indispensable para o traballo de educación para a igualdade.

Carlota é unha adolescente que, empurrada pola súa avoa e arroupada por un ambiente propicio, inicia un diario onde anotará todos os casos de discriminación machista que vexa ao seu arredor.

"O diario violeta" forma parte da triloxía de diarios de Carlota, escritos por Gemma Lienas. O violeta é un relato feminista que ao meu, polo menos, me axudou a rematar de axustarme os "lentes violetas", como o chama a súa autora, na miña vida cotiá. Os "lentes violeta" non é máis que unha actitude atenta e alerta ante as constantes discriminacións que sufrimos as mulleres e das que nin sequera nos decatamos, de tan afeitas que estamos. Fatal, fatal.

A avoa de Carlota tamén lle ensina a lei do investimento. Para comprobar se unha situación ou un trato cara a unha muller é despectivo só é necesario cambiar a muller protagonista por un home. Se a mesma situación ou trato resulta ridícula ou inadecuada para el, tamén o será para ela. Non é a única clave, pero paréceme unha moi boa. Os outros dous diarios son o vermello, dedicado ao sexo adolescente e o azul, onde Lienas trata a violencia en xeral, tanto nas aulas coma contra as mulleres. E todos con Carlota á fronte, todo un personaxe.

Ningún comentario :