xoves, 20 de setembro de 2012

Sen ciencia non hai futuro

 
 
O "merchandising"chega á investigación científica. Un grupo de investigadores da Universidade de Vigo optou por esta opción para sufragar parte dos seus proxectos. Axudados polo infografista Ivan Rodríguez, plasman sobre camisetas teorías sobre a ciencia cun dobre propósito: achegala á xente e lograr financiamento.

Esta idea está amparada dentro do plan Divulgare, unha iniciativa de dez científicos que a través dun blog e varios curtos lograron o recoñecemento internacional.

«Todo empezou no 2009 coa intención de transmitir os resultados das investigacións á sociedade. Por norma xeral só saen nas revistas específicas e cremos que é necesario dalo a coñecer ao público xeral porque cos seus impostos se financian estes proxectos», explica o profesor Luis Navarro.

Con ese afán de achegar a ciencia crearon unha liña de artigos que se venden por só dez euros no seu blog. As camisetas contan cun colorista debuxo que ensina algo sobre a ciencia, unha lenda explicativa e un código QR que, grazas aos teléfonos intelixentes, pode achegar máis información de interese aos compradores. «Queremos aforrarlle diñeiro ao contribuínte e poder seguir mantendo aos dous ou tres infografistas cos que traballamos, porque agora mesmo coa crise a situación está moi mal,» apuntan dende o grupo Divulgare.

Ningún comentario :