mércores, 28 de outubro de 2015

Novidades: Despois do cataclismo de María Alonso

"Así como sentiu unha humidade a se deslizar entre as pernas, soubo que chegara o momento.
Deixou o seu labor no campo e dirixiuse ao linde da vila para cruzar ese espazo imaxinario por segunda vez na súa vida. Era outono, e aquel día caía unha chuvia miúda que rematou por enchoupar completamente a súa vestimenta pasados os primeiros minutos da xornada de traballo. Comezou entón a subir o tramo que separaba o Castrovilar do Castromaior até penetrar nunha lixeira néboa que aínda persistía na ladeira desde as primeiras horas da mañá.
Alí, mentres ascendía a montaña, sentiu a primeira dor; unha dor punzante ao final do lombo que parecía que lle ía quebrar todas as vértebras o dorso. Por sorte, a poalla axudaba a calmar a febre que comezaba a quentar o seu corpo mais, aínda así, o proceso intuíase arduo.
De súpeto, foi dar cos xeonllos na herba por mor dunha terríbel cambra no abdome. Botou as mans á súa enorme barriga e sentiu a tensión do vulto que nas últimas horas mudara de posición para preparar a expulsión.    «Continúa! Non hai tempo que perder.»

Este é o comezo desta distopía novidade na biblioteca, invitámosvos a lela.

Ningún comentario :