xoves, 23 de febreiro de 2023

Caldo de Gloria no Día de Rosalía

 

A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha este 2023 no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

COMO PARTICIPAR (*)

a) Fai un Caldo de Gloria:

– Podes seguir as instruccións que Rosalía dá no poema.  

– Ou consultar a receita de Picadillo (1905).

– Ou seguir os consellos de Xoanqui Ameixeiras, o noso cociñeiro convidado do ano pasado (o deste ano será Óscar Vidal, cociñeiro xefe d’O Pazo Asador de Padrón, a primeira Estrela Michelín da Terra de Iria. Tamén podedes ver aquí a proposta de Lucía Freitas (do restaurante A Tafona, estrela Michelín). 

b) Logo le un poema rosaliano (ou máis). Pode ser o ‘Miña casiña, meu lar’ que inspirou esta iniciativa, ou calquera outro.

c) Desfrútao e compárteo nas redes sociais cos seguintes cancelos (hashtags): #CaldodeGloria #DíadeRosalía

O caldo de Rosalía, a épica dos humildes

Queremos conmemorar o Día de Rosalía lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.

[Le aquí o poema]


Ningún comentario :