sábado, 1 de febreiro de 2025

Domingo Villar

Unha figura de bronce lembra dende o pasado 29 a Domingo Villar na Alameda de Vigo unha das voces máis queridas da nosa literatura. A escultura, obra de Pedro Dobao, convida a sentar a carón do escritor e a compartir con el ese Vigo literario que soubo retratar coma ninguén.

Domingo Villar (Vigo, 1971 – 2022) Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra. En 2019 publicou O último barco. En 2021, viu a luz Algúns contos completos, un canto á amizade e reunións con amigos, fermosamente acompañado polos linogravados do artista Carlos Baonza. O libro Síbaris, foi unha obra de teatro publicada de maneira póstuma, en 2023, e levada aos escenarios por Lois Blanco, cun elenco formado por Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novóa.

Como vedes, todas as súas obras están na nosa biblioteca, e para mostrar o noso pesar polo seu pasamento fixemos un roteiro polo escenarios da súa última obra O último barco có club de lectura de adultos.

Ningún comentario :