luns, 28 de abril de 2014

Nómades




Este martes teremos a sorte de contar con Xosé Tomás, ilustrador xenial que sabe imprimirlle ás súas obras de sensibilidade e tenrura. Disfrutaremos no seu obradoiro de ilustración e da súa maestría, de feito é profesor de secundaria, así que non lle pillaremos a contrapé.
De momento lle damos as grazas por achegarse a Neda e vos presentamos unha das súas obras: Nómades.
As mulleres de Nómades son persoas que o arriscan todo para cruzar o mar polo futuro dos seus fillos; mozas e mozos que se prostitúen para enviar diñeiro á casa, coa aceptación tácita das súas familias, que “non preguntan”; mulleres que adquiren unha cualificación profesional e académica e que chegan a situarse comodamente na sociedade, pero sen que por iso sexan de todo aceptadas; anciás que se equivocan ao emigrar, porque xa é tarde para acadar a integración; empregadas do fogar sen papeis que non inspiran nin mágoa, porque son, no fondo, un problema económico e legal; e nenas que se integran, que se abren camiño con normalidade na nova sociedade e borran toda pegada dun pasado de dor e indefensión. Nómades é unha homenaxe ás pequenas historias íntimas, as que son, en realidade, mundos complexos para quen as vive. E trátase dunha historia que ten fe na superación persoal, posto que comeza cunha travesía pola morte, e remata coa redención humana. Nawal, que pecha o círculo da vida da súa familia e da propia obra, é o que finalmente queda no padal: o regusto pola esperanza, nun mundo no que a palabra “estranxeiro” é universal.

Ningún comentario :