sábado, 30 de abril de 2016

Novidades: Un animal chamado néboa

A capacidade de resistencia á dor física ou psicolóxica non se pode medir. Tampouco o grao de maldade que pode chegar a concibir o ser humano. É en situacións límite cando as persoas sacan a relucir comportamentos insólitos, para ben e para mal. 
No escenario da II Guerra Mundial tiveron lugar episodios tan estarrecedores e crueis que algúns deles resultan imposibles de dixerir.Un animal chamado néboa é un libro de relatos onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico. O cerco de Leningrado, o naufraxio do buque USS Indianapolis, os métodos de tortura da banda de criminais ao servizo do italiano Pietro Koch, a realidade das mulleres prostituídas en Mauthausen ou a terrible misión do Enola Gay forman parte dalgunhas das historias que compoñen este libro. Escrita de xeito directo e descarnado pero sen perder nunca de vista o contexto histórico, esta obra é un retrato desolador e emocional do comportamento das persoas en circunstancias extremas. Un pulso crítico á condición humana.
A escritora Ledicia Costas acadou o Premio dos Clubs de Lectura 2016, segundo se contempla na Resolución do 23 de abril do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, publicada o mesmo 23, Día Mundial do Libro, no Portal Educativo.

Norabóa a autora e tamén aos clubs de lectura que tan boa escolla fixeron!


Ningún comentario :