xoves, 19 de novembro de 2026

DEP Xosé Luís Méndez Ferrín

Hoxe despedimos a un dos grandes da nosa literatura: Xosé Luís Méndez Ferrín. Creador extraordinario e peza fundamental das letras galegas, deixa un legado literario vasto e vangardista que marca un antes e un despois. Alén da súa faceta creativa, destacou como un pensador dunha firmeza política insubornable e posuidor dunha ollada crítica tan sólida como coherente. 

Dispoñedes de moitos exemplares da súa obra na nosa biblioteca 

mércores, 4 de novembro de 2026

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Novembro é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Para celebralo, témosvos preparados unha serie de retos científicos. Seredes quen de resolvelos? Vide á biblioteca no primeiro recreo do xoves 12 e do xoves 19 de novembro e descubrirédelo. Agardámosvos!

martes, 3 de novembro de 2026

Premio Raíña Lupa 2026

O escritor eumés Antonio Manuel Fraga, quen visitou a nosa biblioteca o curso pasado, gaña o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2026 na categoría Xuvenil coa obra Canguros de Marcoy. O xurado destacou a capacidade desta obra para achegar aos lectores “unha realidade pouco coñecida a través dunha viaxe de autocoñecemento entre amigos en Costa do Marfil”, subliñando ademais “a presenza dá música como fío condutor entre ou pasado, ou presente e ou futuro dous seus personaxes”.

Moitos parabéns!

luns, 2 de novembro de 2026

I Concurso de viñetas contra a violencia de xénero

Desde a Biblioteca lanzamos o I Concurso de viñetas contra a violencia de xénero, co obxectivo de empregar a viñeta ou tira de viñetas para reflexionar, concienciar, visibilizar e denunciar diferentes situacións de violencia que viven as mulleres. Tedes as bases de participación aquí. Animádevos a participar! Erradicar a violencia de xénero é cousa de tod@s.

venres, 23 de outubro de 2026

Día das Bibliotecas 2026

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, este ano, baixo o lema Sen profesionais non hai bibliotecas, unha frase que quere poñer no centro ás persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, andeis e espazos, pois garanten o acceso á cultura, acompañan as súas comunidades e fan das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todos.

Como xa é tradición na nosa Biblioteca Escolar, para conmemorar este día destacamos a figura dun autor ou autora de recoñecido prestixio, para así dárllelo/a a coñecer aos máis novos. Este curso, a autora elixida foi Agatha Christie, pola importancia da súa obra e porque neste 2026 cumpríronse 50 anos do seu pasamento. Estes días, no corredor da planta baixa do noso instituto podemos desfrutar da exposición sobre a escritora, que comprende decoración, cartelería coa súa vida e obra, caligramas e xogos realizados por alumnado e profesorado, así como un póster construído a través das portadas das súas obras. Esperamos que vos guste e que aprendades moitas cousas sobre esta célebre autora! Deixámosvos por aquí as imaxes da exposición.

Julian Barnes, Premio Princesa de Asturias de las Letras

O novelista británico Julian Barnes gaña o Premio Princesa de Asturias das Letras 2026. Educado en Londres e en Oxford, considérase unha das maiores revelacións da narrativa inglesa das ultimas décadas. É autor de numerosas novelas moi aclamadas pola crítica internacional, ademais de relatos breves e ensaios.

xoves, 22 de outubro de 2026

Luis Zueco, Premio Ivanhoe 2026

O Certame Internacional de Novela Histórica Ciudad de Úbeda concedeu o Premio Ivanhoe 2026 ao escritor Luis Zueco, en recoñecemento a unha traxectoria literaria que o consolidou como un dos nomes salientables da novela histórica española.

luns, 19 de outubro de 2026

Día das Escritoras 2026


Cando pensamos na Xeración do 27, a todos nos veñen á mente nomes indiscutibles da nosa literatura: Federico García Lorca, Rafael Alberti, Luis Cernuda ou Pedro Salinas. A razón é que, durante décadas, os libros de texto gardaron un silencio inxusto sobre a outra metade desa explosión cultural. 

Nos mesmos cafés de Madrid, nas mesmas aulas da Residencia de Estudantes e co mesmo talento desbordante, un grupo de mulleres excepcionais, coñecidas como As Sensombreiro, transformou o panorama artístico da España dos anos 20 e 30. Poetas, novelistas, dramaturgas e pensadoras que, non obstante, foron borradas da historia oficial.

Hoxe, no Día das Escritoras, a piques de cumprirse o centenario da Xeración do 27, queremos rescatar do esquecemento algunhas desas figuras clave: Ernestina de Champourcín, Concha Méndez, Josefina de la Torre, María Teresa León, Rosa Chacel, María Zambrano, Luisa Carnés, Carmen Conde, Margarita Ferreras, Lucía Sánchez Saornil e Zenobia Camprubí.

Se che interesa o tema, podes ver este documental sobre as mulleres artistas e intelectuais da Xeración do 27.

Ademais, neste día non quixemos deixar de conmemorar as escritoras galegas, polo que fixemos unha escolma de obras que tedes na nosa biblioteca e que podedes atopar no corredor central do instituto:



venres, 16 de outubro de 2026

María Solar, Premio da Cultura Galega das Letras

A xornalista e escritora María Solar obtivo o Premio da Cultura Galega na modalidade das Letras, un galardón que recoñece a excelencia creativa e a proxección cultural de Galicia.

Isabel Allende gaña o Premio Planeta

Isabel Allende proclamouse gañadora da 75 edición do Premio Planeta coa súa novela La hora antes del alba. A célebre autora presentouse ao certame baixo o seudónimo de Luz ventura para traernos unha obra histórica: a secuela oficial do seu célebre debut, La casa de los espíritus.

xoves, 15 de outubro de 2026

Desde 2023, Galiza Cultura promove a celebración do Samaín popularizando a obra de Castelao, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. O esqueleto protagonista relátanos as súas memorias, que recollen as peripecias dunha existencia máis alá da morte, sobre o mundo dos vivos.

O vindeiro 28 de outubro, mércores, ás 20:00 h, o Teatro Jofre de Ferrol será o escenario onde esta historia cobre vida. A montaxe conta coa participación de membros da Coral de Solfa de Santiago e da Agrupación Cultural O Galo, baixo a adaptación e dirección de Lucho Penabade, profesor de Lingua Galega e Literatura do noso IES.

venres, 9 de outubro de 2026

Anne Carson, Premio Nobel de Literatura 2026

Seis anos despois de ser recoñecida co Premio Princesa de Asturias das Letras, a poeta e ensaísta canadiense Anne Carson gaña o Premio Nobel de Literatura 2026. 

A poesía de Anne Carson caracterízase por borrar por completo as fronteiras entre os xéneros literarios. A súa obra non busca axustarse ás formas tradicionais do poema; máis ben preséntase como unha hibridación onde conviven a poesía purificadora, o ensaio académico, a narrativa e a crítica filolóxica.

mércores, 7 de outubro de 2026

Novo festival literario en Pontedeume para celebrar o Samaín

Pontedeume estrea Vila das lendas, un festival literario que se celebrará do 30 de outubro ao 1 de novembro, coincidindo co Samaín. Haberá encontros con escritores, presentacións de libros, mesas de debate, roteiros temáticos, representacións escénicas, actividades familiares, talleres e sesións de narración oral. Unha parte importante das propostas estará vinculada as historias e lendas do propio territorio.

Toda a información aquí.

martes, 6 de outubro de 2026

Semana Mundial do Espazo 2026

En 1999, a a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou "Semana Mundial do Espazo" a semana comprendida entre o 4 e o 10 de outubro, para celebrar cada ano a escala internacional as contribucións da ciencia e a tecnoloxía espaciais á mellora da condición humana.

A razón de que se celebre nestas datas é que lembran dous momentos importantes: o 4 de outubro de 1957 foi lanzado o Sputnik 1, o primeiro satélite artificial da Terra, que abriu unha nova etapa na exploración espacial. Por outra banda, o 10 de outubro de 1967 entrou en vigor o Tratado sobre o Espazo Ultraterrestre, un acordo que establece principios para a exploración e utilización do espazo, incluída a Lúa e outros corpos celestes. Ambos os acontecementos marcan o inicio e o peche desta semana.

Se che interesa este tema, tes á túa disposición moitos libros relacionados con el na biblioteca e tamén entre os exemplares da Hora de ler.

luns, 5 de outubro de 2026

III Concurso de microrrelatos de Samaín

Un curso máis, a Biblioteca e o EDLG convocamos o concurso de microrrelatos de Samaín. Tedes as bases de participación neste enlace.

Agardamos con ansia os vosos arrepiantes relatos. Haberá premios para as mellores historias terroríficas!

venres, 2 de outubro de 2026

Julio Llamazares, Premio Nacional de Narrativa 2026

O escritor leonés Julio Llamazares foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa 2026 pola súa obra El viaje de mi padre, unha novela que invita a reflexionar sobre o paso do tempo e os vínculos xeracionais. Nela, o autor refixo os pasos que tivo que dar o seu pai durante a Guerra Civil, participando nalgunhas das peores batallas, como a de Teruel e a de Levante. En palabras do propio escritor, trátase dunha "homenaxe a todos aqueles rapaces que perderona vida, a xuventude e a inocencia nun momento tráxico da historia".



mércores, 30 de setembro de 2026

Pasaporte cultural

Este curso traemos unha novidade que esperamos que vos guste: o pasaporte cultural. Trátase dun documento persoal que serve para rexistrar a vosa participación en diversas actividades culturais ao longo do curso, tanto dentro como fóra do IES: visita a museos, recensións de películas, booktrailers, participación en concursos e actividades do centro, etc. É válido para a ESO e o Bacharelato. Aqueles alumnos/as que completedes o pasaporte, recibiredes un premio a final de curso. 

Poderedes adquirir o pasaporte entre o 1 e o 15 de outubro. Animádevos a participar!!

Aquí tedes explicado en detalle como funciona o pasaporte.

Deixámosvos a continuación as actividades pasaportables do primeiro trimestre (outubro, novembro e decembro):

  • Participación como voluntario/a da Biblioteca Escolar (un selo por cada trimestre de participación).
  • Participación como membro dalgún club de lectura ou do obradoiro de papiroflexia (un selo por cada trimestre de participación).
  • Participación nalgún dos talleres de Polos Creativos que se fan nos recreos (un selo por cada trimestre de participación).
  • Participación no coro do instituto (un selo por cada trimestre de participación).
  • Visita a calquera exposición da fundación Abanca. Xustificante: foto/selfie na exposición e breve comentario persoal sobre o que che pareceu. Entrega da foto/selfie e comentario no correo: biblioteca.ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
  • Participación no concurso de microrrelatos de Samaín. Xustificante: entrega do microrrelato na Biblioteca. Busca a Alba para o teu selo.
  • Participación no concurso de carteis contra a violencia de xénero polo 25 N. Xustificante: entrega do cartel na Biblioteca. Busca a Alba para o teu selo.
  • Participación na campaña solidaria de recollida de alimentos. Xustificante: entrega dos alimentos a Alba.
  • Asistencia a calquera evento cultural, como unha representación teatral, un musical, etc., (por exemplo, na Casa da Cultura de Neda, no Padroado da cultura de Narón ou no Auditorio de Ferrol). Xustificante: entrada e foto/selfie na actividade. Entrega dunha foto da entrada e da foto/selfie no correo: biblioteca.ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
  • Asistencia a un museo (por exemplo, o Museo de Historia Natural de Ferrol, o Museo da Construción Naval de Ferrol, a Casa das Ciencias da Coruña, etc.). A visita non pode formar parte dunha actividade organizada polo IES Fernando Esquío. Debes visitalo pola túa conta, no teu tempo libre. Xustificante: entrada e foto/selfie na actividade. Entrega dunha foto da entrada e da foto/selfie no correo: biblioteca.ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
  • Redacción dunha crónica dalgunha das saídas feitas co instituto, para incluíla na revista escolar. Xustificante: entrega da crónica no correo: biblioteca.ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
  • Booktrailer dun libro da túa elección. O libro non pode ser unha das lecturas obrigatorias do curso. Si pode ser un libro dos clubs de lectura. Xustificante: entrega do booktrailer no correo: biblioteca.ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
  • Vídeo-recensión dalgunha das seguintes películas (hainas na biblioteca) . Xustificante: entrega da vídeo-recensión no correo: biblioteca.ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal:
    • Figuras ocultas (todos os niveis)
    • Ágora (todos os niveis)
    • El médico (todos os niveis)
    • Resolviendo el enigma (todos os niveis)
    • Gattaca (a partir de 4º ESO)


martes, 29 de setembro de 2026

Hoxe cumpre anos Mafalda

Un día coma hoxe, en 1964, Quino comezou a publicar a tira de Mafalda na revista Primera Plana. A obra de Quino inmortalizou a unha nena famosa polas súas preguntas sobre a paz, a política e a humanidade, sempre cargadas de ironía. A día de hoxe, a voz desa nena segue tan vixente coma o primeiro día.

Parabéns, Madalda!

venres, 25 de setembro de 2026

Hoxe recordamos a Carlos Ruiz Zafón


No aniversario do seu nacemento, queremos recordar a Carlos Ruiz Zafón, porque as súas historias seguen a ser unha das mellores portas de entrada ao pracer da lectura.
Nacido en Barcelona, Zafón comezou a súa andaina no mundo das letras coa literatura xuvenil. Con todo, o recoñecemento mundial chegoulle en 2001 coa súa primeira novela para adultos: A sombra do vento.
Hoxe, o noso querido autor tería cumprido 62 anos.

xoves, 24 de setembro de 2026

G-Night en Ferrol

Mañá celébrase en Ferrol a G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, un evento de divulgación científica que ofrece actividades gratuítas nas que investigadores e investigadoras das universidades galegas e dos diferentes organismos de investigación participantes achegarán o seu traballo á cidadanía. En concreto, en Ferrol este será o programa de actividades.

Tedes toda a información sobre a G-Night aquí.